parlamento galego

Luís Bará afirma que a xestión do transporte e autovías é un “absoluto desbaraxuste, descontrol e descordinación” e pide a dimisión de Ethel Vázquez

Luís Bará
Luís Bará

Luís Bará sinala que as sentenzas xudiciais e informes do Consello de Contas son “a punta do iceberg” das irregularidades da Xunta

Pide ao goberno que  revise o acordo do ano 14 para limitar os pagamentos a cantidades indispensables e poder asegurar a viabilidade financeira dos contratos e aforrar

O deputado do BNG, Luís Bará reprocha á consellería de Infraestruturas, “unha xestión de absoluto desbaraxuste, descoordinación e descontrol”  sobre o transporte e  o sistema utilizado pola Xunta para a construción das autovías.

No debate da  proposición non de lei  sobre os acordos coas empresas concesionarias  das autovías do Salnés, Barbanza e Celanova, o nacionalista fixo referencia aos dous informes, “demoledores”  do Consello de Contas relativos  á inspección do transporte e sistema utilizado pola Xunta para a construción das autovías, ao que sumou diferentes sentenzas xudiciais contra o irregular reparto ás concesionarias. Para o nacionalista, as sentenza e os informes resultan causas suficientes para que a “cúpula” da consellería e  Ethel Vázquez “dimitan”.

O informe do Consello de Contas, explicou o deputado do BNG  confirma que o reparto do transporte favoreceu o monopolio de dúas empresas e prexudicou ás pequenas e medianas empresas galegas. Ademais, agregou que o  ingreso do canon que debían pagar as empresas non foi satisfeito até que a auditoría do propio Consello de Contas detectou o retraso de máis dun ano.

Aos informes do Consello de Contas, Luís Bará  sumou o “tsunami” xudicial ao Partido popular  pola mala xestión do transporte, por contratos fraudulentos e porque o Tribunal Supremo considera que á Xunta  permitiu o reparto do mercado entre dúas empresas. Nesta liña lembrou que as sentenzas provocaron a “anulación de 8 contratos adxudicados pola Xunta de Galiza á empresa Monbus” porque a licitación permitía que estas empresas accederana 8 concesións e Monbus, en forma de UTes chegou a adquirir 39 lotes. Na súa opinión,  é normal que este proceder provoque “unha avalancha de sentenzas”.

Dimisión de Ethel Váquez e dos responsables das irregularidades

O deputado advertiu que estamos ante “a punta do iceberg” e haberá “unha morea de sentenzas” porque están investigados, pola vía penal,  “a plana maior” da Dirección Xeral da Xunta en materia de contratación. Por todas estas irregularidades , reiterou o nacionalista, o lóxico  sería “a dimisión dos principais responsables e a propia conselleira, Ethel Vázquez”.

Por outra banda, tamén denunciou o sistema de construción das autovías  convertido “en colaboración pública para o enriquecemento de empresas privadas”. Este sistema público-privado foi  creado polo goberno de Manuel Fraga e o conselleiro de Obras públicas, Alberto Núñez Feijóo, responsable de licitar a maior parte dos contratos dos que dous  deles  se licitaron antes das eleccións do ano 2005, a autovía do Salnés e Santiago-Brión.

Ademais, afirmou Bará, Feijóo tamén deixou licitada a autovía do Barbanza, utilizando de maneira reiterada este sistema para chegar ao “auténtico cambalache da autovía da Costa da Morte ou o hospital de Vigo”. O Consello de Contas é claro nas súas conclusións cando afirma que este sistema “é moi custoso” e non resulta “eficiente”.

Na súa intervención, Bará aludiu  á memoria da Axencia Galega de Infraestruturas do ano 2023 cunha débeda de1.700milóns de euros “por pago aprazado do sistema” dos que  1.223 M€ corresponden ao pago das autovías polo sistema de construción público-privada, e dicir, “cada ano nos orzamentos da Xunta para o 2024 existe unha partida de 85,4 Millóns de euros para este pago aprazado”, explicou.

Para o deputado, hai un problema maior cando a propia Xunta “mudou as regras do xogo” a través da lei de acompañamento no ano 2014, con Ethel Vázquez como  directora da Axencia Galega de Infraestruturas para modificar as condicións das adxudicación e favorecer “descaradamente ás empresas”. O  informe do Consello de Contas recomenda á Xunta que “revise este acordo para limitar os pagamentos a cantidades indispensables asegurando a viabilidade financeira dos contratos”, aforrando  44 millóns de euros e contra o incremento de máis de 200 millóns de euros para as empresas derivado  da renegociación da Xunta.

Bará concluíu a súa intervención preguntando  ao Partido popular de que lado quere colocarse,  “na defensa  das arcas públicas e  interese xeral ou das empresas concesionarias para que se enriquezan moito máis”.

Os votos en contra do Partido popular impediron que prospera a proposición non de lei defendida polo deputado, Luís Bará.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG