Jorquera: " Non se pode conciliar rebaixa de impostos e Orzamentos expansivos"

O portavoz parlamentario mostrou a súa oposición a uns orzamentos dos que dixo “non son expansivos, nin críbeis nin sociais” e continúan na senda das desigualdades sociais

Francisco Jorquera

 Pleno.-O portavoz parlamentario, Francisco Jorquera no debate de Orzamentos 2016 recalcou que resulta imposible conciliar “a rebaixa de impostos cos orzamentos expansivos que defende o Partido popular”.

No debate das emendas ao articulado dixo que o Goberno de Feijóo mantén “unha obediencia cega cos dogmas do déficit cero” e explicou que os impostos son necesarios para dispoñer de recursos para políticas públicas e tamén como mecanismo de “redistribución e corrección das desigualdades sociais”.

Para o deputado, en Galiza existe un problema de presión fiscal “mal distribuída” e as emendas do BNG, van na senda de corrixir esta situación. Neste sentido, propuxo suprimir as rebaixas fiscais no “imposto de sucesión e doazóns” que benefician as rendas máis altas coas exencións e elevar a presión fiscal sobre as rendas altas introducindo “máis progresividade nas táboas”.

Por outra parte, tamén defendeu crear un “imposto sobre as grandes superficies comerciais” e un novo imposto sobre os depósitos bancarios nas entidades que operan en Galiza.

Jorquera reclamou corrixir as “subas abusivas de impostos” indirectos” e taxas aprobadas polo Goberno nesta lexislatura.

 O BNG pide blindar os servizos públicos

O BNG, manifestou, presentou 34 emendas ao articulado pra “blindar os servizos públicos e o gasto social” evitando que o recurso de colaboración público-privada serva para entregar servizos e infraestruturas públicas á mans privadas, “hipotecando a nosa Facenda”. O acontecido no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo é un “bo exemplo” das razóns, dixo, que fundamentan esta emenda, un hospital que ía custar 450 millóns de euros “vai custarnos 1.350 M€”.

Jorquera increpa a Feijóo

O parlamentario tamén reclamou que a Xunta, en ningún caso, incremente o número de unidades concertadas nos centros educativos e defendeu outras emendas destinadas a reforzar a transparencia e control parlamentar sobre a xestión dos orzamentos creando “unha oficina de control parlamentario da execución dos mesmos”

Emprego público

Nesta materia, o nacionalista propuxo recuperar a oferta de emprego, servizos públicos de calidade e unha política contraria a redución de persoal e precarización dos servizos. Entre os anos 2011 e 2015, dixo, perdéronse 3.527 postos de traballo no SERGAS polo que propuxo elevar as taxas de reposición, como norma xeral, ao 50 por cento.

Ademais defendeu restituír o poder adquisitivo dos empregados públicos e os dereitos laborais que lles foron conculcados.

Jorquera reiterou que os orzamentos non son expansivos e só recuperan un “ un 3,68 de todo o que recortaron os sucesivos gobernos presididos por Núñez Feijóo”.

 Non son orzamentos sociais nin críbeis

 A xuízo do deputado, tampouco son orzamentos sociais xa que o gasto das consellerías con políticas sociais “medra por baixo da media” nin son “críbeis” máis ben, remarcou son “orzamentos continuistas” e xa sabemos cales son as súas consecuencias. O mes de novembro Galiza situábase como segundo territorio onde máis se incrementou o paro rexistrado e o medre do PIB no último ano, a penas chega á metade da media estatal, situándonos entre as cinco comunidades con menor crecemento.

 Estes son os resultados das súas políticas e por iso mantemos a nosa total oposición a estes orzamentos, concluíu o portavoz parlamentario do BNG.

O Partido popular non aceptou ningunha das emendas defendidas polo BNG.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG