O Grupo Parlamentar do BNG será fiel a Galiza e defenderá os dereitos nacionais e sociais das galegas e galegos
- Cun caravel vermello e o volume do Sempre en Galiza de Castelao, os seis deputados e deputadas nacionalistas prometeron o seu cargo acatando por “imperativo legal” o Estatuto e Constitución
As deputadas e deputados do grupo parlamentario do BNG tomaron posesión hoxe no Parlamento galego baixo o compromiso de “ser fiel a Galiza e defender os dereitos nacionais e sociais das galegas e galegos e a súa liberdade”. Cun caravel vermello e un volume do Sempre en Galiza de Castelao prometeron o seu cargo por “imperativo legal” acatando o Estatuto e a Constitución.
Tras a constitución do Parlamento galego, a portavoz do grupo nacionalista , Ana Pontón manifestou ante os medios de comunicación que o BNG fará “unha oposición rigorosa e será a voz das alternativas para sacar a este país adiante”.
Ana Pontón asegurou que a nova lexislatura que hoxe comeza coincide co “tempo novo do BNG” cunha oposición que terá un pé no Parlamento e un pé na rúa e para tirar da xente que necesita “unha voz que defenda con contundencia os seus problemas” pero tamén, engadiu, aportando alternativas. Pontón explicou que nos atopamos nun momento complexo e o BNG ten o reto de devolverlle a esperanza e os motivos para sorrir e crer a esas miles de persoas que ven con desesperación que a súa situación non se soluciona. Hoxe, iniciamos unha nova andaina e agardamos que o Partido popular non aplique a súa maioría como “unha apisoadora” e demostre a súa intención de diálogo escoitando as propostas e opinións da oposición.