A grande achega de Feixóo ás electrointensivas foi vetar todas as propostas do BNG para abaratar a electricidade

Propón unha Tarifa industrial estable e competitiva e unha Tarifa eléctrica galega que reduza as peaxes para que Galiza se beneficie dos seus recursos

Pide a intervención pública de Barreras e unha Mesa de transición xusta para garantir os postos de traballo de ENDESA, As Pontes

No transcurso da pregunta ao Presidente da Xunta, a portavoz nacional do BNG afirmou que a “grande achega de Feixóo ás empresas  electrointensivas foi vetar sistematicamente todas as propostas do BNG para abaratar a electricidade”.

Pontón reclamou  unha Tarifa industrial eléctrica  galega que reduza as peaxes para que Galiza se beneficie dos seus recursos, a intervención pública de Barreras e unha Mesa para unha transición xusta que garanta o emprego en ENDESA, As Pontes.

A nacionalistas lembrou que o pasado domingo foi publicada unha enquisa, que na súa opinión, deixaba varias valoracións, por unha parte, de celebrarse hoxe as eleccións galegas, “o PP perdería a maioría absoluta”, “o PP baixa mentres que o BNG sube” e “o PP suspende”. Pero ademais, engadiu, a enquisa tamén reflicte as áreas con peor nota destacando a economía e o emprego.

Pontón asegurou que estes datos se corresponden coa peor crise industrial dos últimos anos provocada pola “incompetencia” do Partido popular que pon en risco máis de 7.000 postos de traballo e afecta a comarcas enteiras como  Vigo, A Coruña, Costa da Morte, A Mariña ou Ferrolterra. O seu legado, dixo Pontón a Feixóo  é “unha desertización industrial”. E fronte a isto, continua  fai  buscando escusas e  balóns fóra cando Galiza o que precisa é solucións.

Galiza, remarcou Pontón,  necesita un Goberno de verdade e non un goberno floreiro, que adorna pero non serve para nada máis.  “A Xunta debe  estar ao servizo do país, non como o  seu salvavidas particular”. Necesitamos solución para ALCOA, Ferroatlántica, R, Vulcano, SOLUCIÓNS Barreras, Poligal Isowat ou Endesa, As Pontes.

A portavoz do BNG criticou que a Xunta permitira a Villar Mir dar “un pelotazo en Ferroatlántica” poñendo en risco 400 postos de traballo e a toda unha comarca polo que exixiu un  Plan Industrial  que garanta o futuro dos traballadores e traballadoras.

INTERNVENCIÓN PÚBLICA DE BARRERAS

Por outra banda, tamén se referiu á situación de  Barreras, un estaleiro en crise con máis de 30 empresas auxiliares que poden acabar arruinadas e máis de mil empregos en xogo. Vostede, fixo  de “conseguidor para Pemex, e o resultado é que os seus socios mexicanos están investigados por corrupción”. Ten que dar moitas explicacións porque todo isto é moi turbio. E sobre todo hai que poñer solucións. Barreras é viable, por iso propoñemos o seu “rescate para o público”.

O PREZO DA ENERXÍA PRINCIPAL FACTOR DA CAÍDA DE ALCOA

Neste sentido, afirmou que o prezo da enerxía está colocando  400 empregos na Coruña e 2.000 na Mariña pendentes dun fío polas dificultades de Alcoa para continuar coa súa actividade e preguntou  onde están as solucións da Xunta de Galiza?. Onte estivo vostede coa Ministra. E o resultado é unha rolda de prensa na que teñen a cara de dicir que o problema é o prezo da enerxía? Onde estaban o PP e o PSOE cando o BNG propoñía unha tarifa eléctrica galega? Onde estaban PP e PSOE cando defendíamos que temos dereito a beneficiarnos da produción eléctrica? Pois dígollo eu. Está exactamente onde están hoxe: “Mirando para Madrid en vez de para Galiza”. 

A portavoz nacionalista reiterou que a grave crise industrial galega precisa alternativas e o BNG defendeu en moitas  ocasións unha tarifa industrial estable e competitiva, unha tarifa tarifa eléctrica galega para reducir  as peaxes porque temos dereito a beneficiarnos dos nosos recursos e para compensarnos do noso papel produtor e pola contaminación.

ENDESA, AS PONTES, OUTRA EXEMPLO DA CRISE INDUSTRIAL

Pontón lembrou que no recente Debate do Estado da Nación, celebrado hai 15 días no Parlamento galego, Feixóo  fixo un “autoretrato fantástico” ao afirmar   que unha central como a das Pontes non pecharía se estivera en Euskadi. Efectivamente, respondeu Pontón,  en Euskadi  “hai un goberno con peso político e vostede non é capaz nin de conseguir unha reunión coa dirección de ENDESA”.

Propoñemos, concluíu a portavoz do BNG, crear a “Mesa por unha transición xusta e o compromiso de non pechar a central, mentres non sexan presentadas alternativas viables en marcha e garantías de emprego”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG