Galiza é recoñecida como nación polo Foro de São Paulo, con representación do BNG e Galiza Sempre
O dereito dos pobos a decidir, que non é admitido polo Estado español, é recoñecido polo foro internacionalista máis importante da esquerda, afirma Ana Miranda
O BNG e a Fundación Galiza Sempre representaron a Galiza a través da secretaria de Política Internacional do BNG e vogal de exteriores da fundación nacionalista, Ana Miranda, quen estivo en Bolivia para participar na programación deste Foro e para manter diversos encontros bilaterais con organizacións da esquerda latinoamericana. O BNG asistiu xa as edicións de 2003, 2007 e 2010 e conseguiu que Galiza sexa recoñecida como Nación neste evento internacionalista.
Ana Miranda interveu na clausura final deste foro internacionalista transmitindo o saúdo do BNG e da Fundación Galiza Sempre ao Foro de São Paulo e facendo un chamamento á soberanía, á democracia e ao recoñecemento dos dereitos das nacións e transmitiu o respecto do nacionalismo galego aos procesos de soberanía popular dos pobos latinoamericanos.
Chamamento á soberanía
A representante nacionalista agradeceulle ao Foro de São Paulo o recoñecemento de Galiza como nación e a solidariedade coa situación de crise que atravesa o pobo galego. O dereito dos pobos a decidir, que non é recoñecido polo Estado español, é recoñecido polo foro internacionalista máis importante da esquerda e por forzas políticas que son goberno en moitos estados soberanos, afirmou Ana Miranda. Neste sentido, no Foro foi aprobada por unanimidade unha resolución que recoñece o dereito dos pobos a decidir e, nomeadamente, a consulta soberanista de Catalunya. Tamén o Foro se sumou á declaración de Aiete en favor do proceso de paz do pobo vasco.
Este Foro apoia os candidatos e candidatas das vindeiras eleccións en Bolivia, Brasil e Uruguay para a continuación das transformacións sociais e políticas. O Foro mostrou, ademais, a súa solidariedade co pobo palestino e clamou contra o xenocidio sionista e, así mesmo, solidarizouse co pobo saharauí.