Por unha Galiza orgullosa

O Orgullo é termos un país diverso que camiña unido cara a igualdade.

O 28 de xuño está marcado no calendario como o día internacional do Orgullo LGBT. O Orgullo xurdiu como unha lembranza ás chamadas revoltas de Stonewall de 1969, nas que a comunidade de lesbianas, gais, bisexuais e trans do barrio de Greenwich Village de Nova Iorque se uniu para resistir unha redada policial. Pucos anos despois do acontecemento a data espallouse por todo o mundo para ficar como unha conmemoración festiva desa unidade e desa loita, máis tamén como o inicio dunha axenda reivindicativa centrada nos distintos espazos nos que tiña lugar.

A Galiza non foi menos, xa que o país ten un longo percorrido nesa unidade e nesa loita. A modo de exemplo, este 2022 cómprense corenta e tres anos da primeira capa dun xornal galego dedicada integramente ao Orgullo, que non foi outra que a do diario nacionalista A Nosa Terra. Celebramos tamén o aniversario da primeira manifestación do Orgullo no país, que tivo lugar no centro de Vigo en 1981 e que supón un fito da unidade de diferentes movementos sociais, políticos e feministas para acadar a igualdade que a ditadura non permitiu.

Por isto, en Galiza temos un pouso de loita cun percorrido que para nada é curto, e que desembocou nas rúas ateigadas que en xullo de 2021 clamaron contra as inxustizas sociais que levaron ao asasinato de Samuel. Inxustizas que se reproduciron de novo en sucesos como as malleiras a parellas de homes en Vigo, Coruña e Ourense ou coa moza trans que foi empurrada desde a muralla de Lugo no outono pasado.

Queda moito camiño por percorrer e a sociedade galega está perfectamente preparada para facelo como amosan as respostas masivas a estes acontecementos. Por iso é preciso que as institucións acompañen e poñan os medios para que a diversidade poida ser sen medo e sen discriminacións, un proceso para o que o BNG pulou e pulará. Este último ano, sen ir máis lonxe, levamos ao Parlamento dúas proposicións non de lei, a primeira, aprobada por unanimidade, para mellorar a atención das persoas LGBT+ no SERGAS, e a segunda, rexeitada polos votos do Partido Popular, para mellorar a situación das mulleres trans no eido laboral. Tamén preguntamos sobre algunhas das cuestións que consideramos máis urxentes, como o aumento dos delitos de odio LGBT+fóbicos e o cumprimento da lei 2/2014, liñas nas que seguimos traballando cunha proposición non de lei que se debaterá mañá no Parlamento.

No BNG, polo tanto, apoiamos e acompañamos a asociacións, activistas e persoas comprometidas coa igualdade no traballo de que o Orgullo chegue aos 365 días do ano. Como amosan as rúas galegas, a bandeira corada amplía cada vez máis a súa visibilidade, paséase desde as cidades ao rural a través de multitude de actividades. Todo isto demostra que o Orgullo é de todas independentemente de onde vivamos, de onde veñamos ou como sexamos. E é que Orgullo, a fin de contas, é termos un país diverso que camiña unido cara a igualdade.




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG