Galiza Nova presenta a sétima edición da “Semana da Patria Galega”
A organización xuvenil do BNG presentou este xoves a sétima edición da “Semana da Patria Galega”, unha xeira de actividades que se celebran nos días previos ao Día da Patria Galega e que este ano “bateu récord” chegando ás 70 actividades.
Tal e como declarou Marta Gómez, Secretaria Xeral da organización “o feito de bater récord nesta edición, ademais dun motivo de orgullo, é unha demostración da forza da mocidade organizada por todo o país” e engadiu “se non houbera militancia nas localidades, esforzándose, organizándose e traballando día a día non sería posible facer unha campaña coma esta”.
A campaña comeza este luns 14 de xullo coa concentración en Santiago de Compostela contra a visita da Princesa Leonor no acto no que lle conceden a Medalla de Galicia, aínda que xa na fin de semana haberá localidades nas que se organicen actividades previas. “Así, todos os días teñen programación ao longo e largo do país ata o día 23 de xullo, culminando o 24 coa tradicional Homenaxe a Rosalía e Castelao e o 25 coa participación na manifestación nacional en Santiago de Compostela” sinalou Gómez.
“Nos tempos que corren é máis necesario ca nunca estar organizadas para loitar contra todas as inxustizas que nos oprimen” explicou Marta “a Semana da Patria é unha oportunidade para dar a coñecer o día máis grande do noso pobo mais tamén denunciar, por exemplo, a anomalía democrática que supón vivir nun estado monárquico, o espolio da nosa terra con proxectos como o de Altri ou poñer en valor a memoria histórica a través da figura de Castelao e do seu ideario como pai do nacionalismo galego”.
Actos que se repiten
Unha das accións que terá lugar na meirande parte das comarcas do país é o despregamento da bandeira da patria xigante en lugares simbólicos ou visibles. “É a nosa bandeira, a das causas xustas, e mostrámola ao mundo co orgullo de ter ese símbolo que nos represente”, sinalou a Secretaria Xeral. Mais como novidade este ano, outra das actividades máis repetidas é a chamada “Exposición Artivismo en Castelao” que estivo presente hoxe na presentación, Gómez explicou que “é unha exposición itinerante coa que pretendemos demostrar a vixencia do pensamento de Castelao a día de hoxe, foi unha idea dun dos grupos de traballo nacionais que temos na organización e é un orgullo poder darlle forma e lanzalo nestes días, aínda que tamén estará dispoñible ata final de ano con motivo do Ano Castelao”.
Por segundo ano consecutivo, ademais, terá lugar un partido de fútbol de Galiza Nova contra o BNG para reivindicar a oficialidade das seleccións galegas nas disciplinas deportivas, un acto que xa se fixo o ano pasado e que este ano volverá a repetirse o venres 18 de xullo pola tarde en Santiago de Compostela.
A Homenaxe a Rosalía e Castelao
A Semana da Patria culminará coa tradicional Homenaxe a Rosalía e Castelao na tarde do 24 de xullo, un acto co que a organización xuvenil do BNG homenaxea ás dúas figuras referenciais do nacionalismo galego no que este ano intervirán Gabriel Abilleira (Militante de Galiza Nova en Compostela), Marta Gómez (Secretaria Xeral de Galiza Nova) e Ana Pontón (Voceira Nacional do BNG). Tendo en conta as homenaxeadas este ano no Día das Letras Galegas, a actuación musical da homenaxe estará a cargo do grupo “Lina e Lola” para, segundo sinalan dende a organización, “poñer en valor o papel das pandereteiras na transmisión da nosa cultura, da nosa lingua e da nosa identidade”.
A homenaxe culminará coa ofrenda floral no Panteón das Galegas e Galegos ilustres, nas tumbas de Rosalía de Castro e Afonso Daniel Castelao.
70 actividades
Todas as actividades que se celebrarán nesta campaña estarán dispoñibles dende hoxe nas redes e na páxina web de Galiza Nova e, o detalle das mesmas, poderase consultar nas redes de cada comarca e nas da propia organización a medida que se acheguen os días.
“Hoxe presentamos o calendario xenérico, mais logo será cada comarca a encargada de dar os detalles concretos, horario, localización exacta, etc. na que farán cada actividade, polo que cómpre estar atentas” sinalou Gómez.