Ou freamos o PP ou o que pasa en Portugal e Grecia pasará en Galiza e no Estado logo do 21-O

O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, afirmou en Santiago que ou se pon freo a Feijóo o próximo 21-0 ou o futuro de Galiza será o que xa é presente en Portugal e Grecia, máis recortes brutais, como a nova baixada de salarios anunciada no país veciño.

Jorquera, que participou na manifestación en defensa dos servizos públicos, alertou de que cada día fica máis claro que os recortes só traen consigno máis recortes e depresión económica, “e isto é o que nos espera en Galiza e no Estado co novo programa de axustes que vai aplicar o PP vencellado ao segundo rescate”.

O candidato nacionalista fixo un chamamento a unha forte mobilización social, como a que se viu hoxe nas rúas de Santiago, para pór un dique a estas políticas e apostar por outra saída á crise, “unha saída social”.

Defensa dos servizos públicos

Jorquera, que encabezou a delegación do BNG na manifestación, na que tamén participaron o Portavoz Nacional, Guillerme Vázquez, e outros membros da Executiva, lembrou que os servizos públicos son fundamentais tanto para garantir a cohesión social como para a xeración de emprego, “por iso hoxe estamos aquí, para defendelos do intento do PP de desmantelalos de forma paulatina”.

Neste sentido, lembrou que é evidente que o Partido Popular está utilizando a crise como pretexto para cambiar o modelo e facer desaparecer estes servizos públicos.