A Eurocámara pide a retirada do anteproxecto da Lei Wert
O Intergrupo de Minorías Nacionais e Linguas do Parlamento Europeo considera que a proposta lexislativa do Executivo de Rajoy está marcada ideoloxicamente e pretende facer retroceder as linguas galega, catalana e vasca
O texto da declaración pide ao Goberno central que retire o anteproxecto, dado que está marcado ideoloxicamente e vai en contra da igualdade e da diversidade lingüística que propugna a Unión Europea. Na iniciativa, o Intergrupo de Minorías Nacionais e Linguas do Parlamento Europeo acusa ao Goberno español de non querer mellorar os estándares educativos, senón de ter como obxectivo facer retroceder as linguas galega, catalana e vasca.
Cabe salientar que o Parlamento Europeo votou en 2009 o informe Multilingüismo: un activo para Europa e un compromiso común, que define o sistema de inmersión lingüística como a ferramenta máis eficaz para promover o multilingüismo.
"Somos unha Europa multilingüe e o galego forma parte desta Europa, salientou Miranda durante a intervención parlamentar, na que denunciou que o anteproxecto de Lei de Wert é un ataque frontal á realidade plurilingüística de Galiza, Catalunya e Euskadi, ademais de supor unha invasión das competencias das nacións con lingua de seu".
Neste sentido, o BNG xa ten solicitado a retirada da proposta lexislativa e a reprobación do ministro impulsor dun texto que cualifica de centralista e retrógrado. Por contra, a formación nacionalista defende un modelo educativo público, laico e de calidade, na que os alumnos podan aprender na súa propia lingua.
O Intergrupo de Minorías Nacionais e Linguas do Parlamento Europeo está formado por 55 eurodeputados e eurodeputadas representantes de 15 Estados membros e da práctica totalidade das formacións políticas presentes na Cámara.