O director da CRTVG recoñece ao BNG silenciar a manifestación de Monforte nos TXs

En responsta a unha pregunta formulada pola deputada do BNG, Montse Prado, Sanchez Izquierdo recoñece a omisión de información nos TXs da TVG da manifestación de Monforte  e responabiliza a un profesional do acontecido

Montse Prado criticou “a excesiva” presenza do PP e Goberno galego nos informativos da RTVG mentres son silenciados, de maneira “sistemática”, os grupos da oposición

No transcurso da comisión de control da CRTVG, a deputada nacionalista Montse Prado formulou dúas preguntas parlamentarias sobre: a omisión da valoración dos grupos da oposición nos informativos da TVG os días 3 de xaneiro e 3 e 4 de febreiro en relación aos datos do desemprego e a contratación de Isabel Pantoja no programa “Luar”, incursa nun proceso de lavado de cartos e fraude a Facenda.

Os informativos da TVG non deron conta da manifestación de Monforte en defensa da Sanidade Pública

No transcurso da pregunta sobre a emisión dos datos do paro dos grupos parlamentarios, Montse Prado criticou que a RTVG de “maneira sistemática” non emita as comparecencias e propostas da oposición sobre políticas de emprego ás que sumou, o decreto do plurilinguismo, os comedores escolares ou das participacións preferentes.

Neste sentido, engadiu que “deciden vostedes o que queren trasladar sobre a nosa actividade política” silenciando o que non lle interesa ao Partido popular como aconteceu o pasado día 19 en Monforte.

A manifestación de Monforte, dixo, congregou a 9.000 persoas que defendían as áreas sanitarias da Mariña e Monforte contra a decisión da Xunta de centralizar estes servizos en Lugo. A través da Área de Xestión Integrada e sobre todo , engadiu, defendían a Sanidade pública, “na TVG non apareceu ningunha imaxe nin información desta multitudinaria manifestación en ningún dos telexornais”.

Sánchez Izquierdo recoñece o silenciamento da manifestación

Pola súa parte, o director xeral de CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo recoñeceu o feito e asegurou que foi produto “da descoordinación e falta de dilixencia dalgún profesional”. O director do ente afirmou que porá en marcha as medidas necesarias para que non se volve a repetir.

Para a deputada do BNG, o director da Compañía de RTVG “non se responsabiliza” dun feito que cualificou de “caso sangrante” e falta de respecto aos lugueses e luguesas que pagan este medio público.

A parlamentaria lamentou que a omisión de información na TVG sempre coincida coas protestas da cidadanía e traballo político dos grupos parlamentarios, vostedes, dixo, informan dos incidentes dos afectados das participacións preferentes pero non informan das consecuencias deste problema, vostedes, “seguen facendo fincapé nas valoracións de Feijóo e Rueda e non lle permiten aos afectados desta “estafa masiva” pronunciarse nun medio que pagamos todos os galegos.

A TVG seguirá contratando a persoas incursas en procesos xudiciais

Para a deputada do BNG, a contratación da tonadillera Isabel Pantoja no Programa “Luar”, transmite á sociedade a mensaxe de “todo vale” é da igual se a artista está vinculada á operación “Malaia”, acusada de branqueo de cartos e fraude a facenda pública, pendente de sentenza ou se ingresa no cárcere por estes delitos.

Prado considerou que resulta “unha falta de respecto” á cidadanía galega que un medio de titularidade pública contrate “con fundos públicos” a Isabel Pantoja porque, na súa opinión, a TVG debe transmitir outro tipo de valores baseados na ética. A presenza dunha persoa procesada por defraudar a facenda pública lanza unha mensaxe de impunidade de que “aquí non pasa nada”.

O director xeral da CRTVG respondeu á deputada que a contratación de Isabel Pantoja ven marcado por un “criterio de audiencia” e que a TVG seguirá coas contratacións que considere que oportunas.

A parlamentaria lamentou que a loita por unha maior audiencia permita que calquera día podamos ver na tele galega “a un maltratador” ou persoa procesada por outro calquera delito, concluíu.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG