Día da Visibilidade Bisexual: as persoas bisexuais existen

Bisexualidade LGBT

O día 23 de setembro celebrase internacionalmente o día da visibilidade bisexual, unha xornada de reivindicación que xorde da necesidade de reclamar que as persoas bisexuais existen, que teñen unhas experiencias vitais propias e que sofren unhas violencias específicas por culpa da bifobia da sociedade. Da necesidade de loitar para erradicar esas violencias, podendo vivir a súa sexualidade con dignidade e orgullo.

Durante décadas a realidade das persoas bisexuais foi ocultada, lexislación e medios de comunicación movíanse nun eixo binario entre heterosexualidade e homosexualidade, roubándolle ao colectivo a posibilidade de ter referentes cos que identificarse. Negándolles a posibilidade de ver lexitimados os seus sentimentos e historia de vida, facéndoas sentir isoladas ou que nelas había algo que estaba mal e debían ocultar ou corrixir.

Este marco de estrito binarismo na sexualidade deu nacemento á idea de que as persoas bisexuais estaban confusas, que se atopaban nunha fase de transición e que acabarían por escoller unha identidade definitiva, ou incluso unha imaxe do colectivo como persoas traizoeiras que foi reforzada polos primeiros referentes bisexuais que eran levados ao cine ou televisión.

No BNG somos conscientes de que esta historia de discriminación e invisibilización non foi superada, e aínda que se conta con mellor representación nas producións culturais, e numerosos referentes tanto dentro do activismo como nos medios, seguimos a vivir nunha sociedade bifóbica. Os estudos sociolóxicos amosan que as persoas bisexuais sofren maiores niveis de depresión e de trastornos da conduta alimentaria, cuestións que non se deben á súa identidade senón a como a sociedade as trata en resposta. A hipersexualización das mulleres bisexuais, os prexuízos que pintan ao colectivo bisexual como propenso a enganar ás súas parellas, ou a constante invalidación da identidade das persoas bisexuais que nunca tiveron unha relación con alguén do seu mesmo xénero, véndose en moitos casos excluídas dos espazos LGBT que tan necesarios son para calquera persoa que sofre as consecuencias da LGBTfobia; seguen a pesar sobre este colectivo.

Por todo isto, un ano máis o Bloque Nacionalista Galego quere renovar o seu compromiso coa loita contra a bifobia e todas as formas de LGBTfobia. Da man do asociacionismo de base LGBT, e xuntando forzas con toda persoa que soñe cunha Galiza libre, inclusiva, e que celebre a diversidade no canto de rexeitala, poderemos construír un futuro mellor para todas.