Día da memoria trans: Moito camiño por recorrer para acadarmos a plena igualdade de dereitos

Trans
Trans

O Día Internacional da Memoria Trans que se celebra cada 20 de novembro debe servir, por un lado, para lembrarmos o papel que desempeñaron e seguen a desempeñar as persoas trans como parte integral da loita LGBT desde as súas orixes modernas na batalla de Stonewall, e tamén, polo outro, para denunciarmos a marxinación, a discriminación e a violencia que seguen a padecer as persoas trans aínda a día de hoxe. Isto explica, en parte, a alta taxa de tentativas de suicido entre as persoas do colectivo que, en realidade, non son outra cousa que asasinatos sociais.

De feito,  a pesar dos innegábeis avances sociais conseguidos grazas á loita coordinada e organizada do colectivo LGBT, aínda fica moito camiño por recorrer para acadarmos a plena igualdade de dereitos e a soberanía sobre os nosos corpos que nos corresponde, especialmente no caso das persoas trans.

Estímase que a enorme maioría das persoas trans sofren algún tipo de agresión física ao longo da nosa vida, agravado no caso das mulleres trans, xa que cae sobre elas todo o peso da violencia sistémica que xera a sociedade cisheteropatriarcal. Boa proba temos disto na recente agresión cometida contra unha muller trans en Lugo e que foi denunciada por colectivos feministas e LGBT ao unísono que a cualificaron de tentativa de feminicidio, entre outros moitos casos na Galiza e no resto do mundo.

A diario, as persoa trans padecen unha discriminación no ámbito da atención sanitaria que, á vez que pretende patoloxizalas –tratándoas de enfermas– se nega a atender as súas verdadeiras necesidades e lexitimas demandas como cidadáns e cidadás, cun sistema de saúde público que mesmo segue a propagar mitos e estereotipos que fomentan a LGBTfobia en xeral e a transfobia en particular no conxunto da sociedade. Asemade, temos de denunciar a situación provocada no País pola escaseza dos fármacos utilizados por moitas mulleres trans que está a comprometer a súa saúde. Instamos á Xunta a actuar para garantir os dereitos sanitarios dun colectivo que, por minoritario que sexa, non debe ser esquecido.

O BNG reafirma alto e claro que os dereitos trans son dereitos humanos e reiteramos o noso firme compromiso de seguir traballando man na man co colectivo LGBT en xeral e co colectivo trans en particular, superando a inoperante Lei 2/2014, de 14 de abril e pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, trans, bisexuais e intersexuais en aras a promover a asunción legal e social dos seus dereitos. Nese sentido, cumpre despatoloxizar o trans non só no ámbito sanitario, mais tamén á hora de acceder á mudanza no documento de identidade. Non se pode consentir que, en pleno 2021, se sigan a solicitar informes psiquiátricos, tests psicolóxicos e análises forenses para que unha persoa poida vivir a súa vida sendo quen realmente é. Só a partir destas mudanzas urxentes será posíbel avanzar cara á plena igualdade legal, laboral e social das persoas trans.

Desde o BNG, máis unha vez condenamos rotundamente calquera tipo de violencia LGBTfóbica, machista e transfóbica na defensa dunha Galiza soberana, xusta e igualitaria onde todas as persoas que a conformamos poidamos vivir en liberdade e igualdade independentemente da nosa identidade de xénero ou sexualidade.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG