Día da Clase Obreira Galega: O BNG propón un plan de choque contra o desemprego da mocidade

Ana Pontón en Ferrol no Día da Clase Obreira Galega
  • Denuncia que a precariedade trouxo un aumento do 9% dos accidentes laborais e pide máis investimento en prevención, inspección e formación

O BNG aproveitou a celebración do Día da Clase Obreira Galega para facer balance da situación do mercado laboral en Galiza, que se traduce en cifras de desemprego alarmantes entre a xente moza, caída da ocupación e das persoas asalariados e incremento da precariedade, con miles de persoas pobres aínda tendo traballo e que un aumento da sinistralidade.

“A crise provocou un grave deterioro das condicións laborais, un recorte de dereitos e un cambio sociolóxico que consiste en que un emprego non garante unha vida digna e hoxe temos traballadores e traballadoras probes”, indicou a portavoz nacional, Ana Pontón,  desde Ferrol ante o monumento do 10 de Maio en memoria de Daniel e Amador asasinados nas loitas sindicais dos 70 pola policía franquista.

A radiografía do mercado laboral indica que hai 160.000 persoas ocupadas menos que no inicio da crise, e que desde 2009 todo o emprego que se destruíu foi entre xente moza expulsados de Galiza cara a emigración, ao tempo que se incrementaron as desigualdades salariais.

En 2009 o salario dunha persoa con máis ingresos equivalía a 66 traballadoras con menos ingresos. “En 2016 a relación era 1 a 89 e, en paralelo, decaen as rendas salariais máis baixas que non chegan a metade do SMI”, explicou Pontón.  Ao mesmo tempo, a reforma laboral incrementou a sinistralidade en Galiza nun 9%.

Pontón formulou as propostas do Bloque para corrixir esta situación “é rescatar os dereitos dos e das traballadoras”.

En primeiro lugar, derrogar as reformas laborais do PP e do PSOE “que están roubándolle dereitos a clase traballadora e provocando unha crise social moi importante”, denunciou a portavoz nacional. En segundo lugar, poñer en marcha un Plan de emprego xuvenil “para que a mocidade teña oportunidades en Galiza e non teña que escoller entre a emigración ou un salario que non garante uns mínimos vitais”.

E, en terceiro luar, medidas específicas para acabar coa alta sinistralidade no noso país “con máis medios e recursos en inspección de traballo e en prevención de riscos laborais e  formación”