Davila cualifica o discurso de Montoro de "propio dun mago ilusionista"
A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, afirmou este mediodía despois de escoitar a intervención do Ministro de Facenda no pleno que fixo un discurso máis propio dun mago ilusionista que está tratando de convencernos duns Orzamentos que son fraudulentos.
Ás 12 horas comezou o debate dos Orzamentos Xerais do Estado 2014 coa defensa que Montoro fixo das contas do Estado. Unha intervención na que tratou pouco dos Orzamentos e que seguiu unha liña triunfalista sobre a situación económica.
Davila criticou as partidas do Estado por seren fraudulentas, e porque contrariamente ao que dixo o Ministro, non sirven para a recuperación económica. Non sirven para a mellora do estado de benestar porque reducen as prestacións sociais. Non sirven para a creación de emprego e están pensados para non cumprilos, en clara alusión aos novos recortes anunciados polo Goberno para o 2014 e 2015.
A portavoz do BNG negou a pretendida recuperación tan reiterada de maneira entusiasta polo Ministro, porque as mesmas previsións de medre do Goberno non recollen ningunha recuperación. Se a isto lle engadimos que hai un recoñecemento de que haberá unha diminución da demanda interna, está claro que o número de desempregados se vai incrementar incluso.
O paro é o que menos importa ao Goberno.
A deputada nacionalista reprochou a Montoro que en ningún momento falase dos 6 millóns de parados e paradas e considerou terríbel que os únicos momentos nos que parecía estar a gosto era cando falaba das cifras macroeconómicas, cando falaba do cumprimento do défice, porque é o único que lles importa. Ironizou con certa incomodidade por parte de Montoro cando tivo que falar de protección social. Notóuselle que non era o seu terreo xa que as partidas do Ministerio de Sanidade e Asuntos Sociais se rebaixaron nun 34%, e en concreto, o destinado a protección social se reduciu nun 36%.
Olaia Fernández Davila afirmou que os Orzamentos do Goberno están unicamente dirixidos a pagar a débeda, centrados no obxectivo de défice, e son inservíbeis para resolver a situación de crise, e moito menos o paro.
Concluiu lembrando as palabras de Montoro cando dixo no Pleno que estamos ante un fenómeno inédito, pensamos desde o BNG que o inédito esta mañá aquí foi o Ministro. Mañá a portavoz do BNG defenderá a emenda á totalidade aos Orzamentos do Estado.