parlamento galego

Daniel Pérez denuncia os recortes no CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo e reivindica o dereito do seu alumnado a unha educación “inclusiva, digna e de calidade”

Daniel Pérez
Daniel Pérez
O deputado do BNG le no Parlamento un  texto escrito pola nai dun neno con retardo madurativo contra a supresión dunha unidade de infantil e a ‘amortización’ de prazas de profesorado pola perda de catro matrículas

O deputado do BNG Daniel Pérez levou a debate na Comisión 4º do Parlamento os recortes no CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo, que comezou o curso cunha aula menos de Educación Infantil e a “amortización” de dúas mestras, a pesar de que só hai catro matrículas menos que o ano pasado e de que nove dos seus alumnas e alumnos teñen necesidades educativas especiais ou específicas.

Na defensa dunha proposición non de lei para reclamar á Consellería de Educación unha rectificación e que dote ao centro de máis medios para garantir unha ensinanza “inclusiva, digna e de calidade”, o deputado do BNG leu o texto escrito pola nai de Antón, un alumno do centro con retardo madurativo que fai que aínda que estea en Infantil teña unha idade mental equivalente á dun bebé de 15 a 18 meses.

O texto, que xa foi lido no Concello de Carballo para defender unha moción apoiada polo BNG, reflexa o sentir das familias ante os recortes no centro, onde este curso 31 nenos e nenas de Infantil foron agrupados en 2 clases. Entre eles hai, polo menos, catro nenas e nenos con necesidades educativas especiais e 5 con necesidades específicas. Amparándose na baixada de matrícula -4 alumnas e alumnos menos- a Consellería decidiu “amortizar” dúas prazas de mestras e media dunha coidadora.

Nese texto, a nai de Antón di que “non se poden consentir máis recortes” nin que “os nosos fillos e fillas, os máis vulnerables, sexan os máis castigados do ensino público galego”. E no nome das nais e pais do alumnado pide á Consellería de Educación que “recapacite” e que “as nosas mestras que tanto traballaron en equipo para facer desta escola un centro recoñecido polo seu labor de integración e inclusión comecen o curso xunto cos nosos cativos e cativas, na súa praza, no lugar que lles corresponde e así nós, as familias, poidamos descansar tranquilas”. 

No mesmo sentido, Daniel Pérez advertiu no debate advertiu que “as nenas e os nenos do San Luís Romero non son números, teñen dereito a unha educación digna e de calidade”. “As crianzas con necesidades educativas e especiais teñen dereito a unha educación inclusiva e de calidade”, asegurou na defensa dunha iniciativa para reclamar o mantemento das tres unidades de Infantil con mestra de apoio e a conseguinte recuperación das dúas prazas docentes amortizadas.

Defender o indefendible

O PP, como xa fixera no debate dunha moción co mesmo texto no Concello de Carballo, volveu votar hoxe en contra da moción, unha posición que o deputado nacionalista cualificou de “absolutamente indefendible e ata indigna” polas consecuencias que están a ter os recortes sobre a educación das crianzas e polo “caos” que se vive no centro xa no inicio do curso, co profesorado “ao límite” sen saber que vai pasar cando se produza algunha baixa docente. “Estes recortes son unha auténtica irresponsabilidade. Vostedes defenden o indefendible”, reprochou aos deputados populares, aos que lles pediu un “pouco de sensibilidade” ante as denuncias feitas polas familias.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG