Da Silva reivindica: “O BNG negociou a transferencia á Galiza da AP-9, con plenas competencias e blindaxe económico para a Xunta”
Carme da Silva Méndez celebra o acordo conseguido polo BNG para sacar adiante, após décadas de reivindicación da sociedade galega, a transferencia da AP-9 á Galiza
“Non mintan máis, a estafa a Galiza fíxoa o PP coa prórroga e persiste coa súa negativa a aceptar a transferencia, chegando a vetala” espeta Carme da Silva ao PP
Durante o debate final na cámara alta da lei para a transferencia da AP-9 á Galiza, Carme da Silva Méndez pon en valor o traballo realizado polo BNG para conseguir o desbloqueo da proposición de lei após décadas de reivindicacións da sociedade galega e décadas de boicot por parte de PP e PSOE. A senadora do BNG reafirma o compromiso da organización nacionalista para conseguir unha AP-9 galega e libre de peaxes, libre da estafa do Partido Popular de Aznar, Rajoy, Pastor, Feixóo e Rueda.
“Por primeira vez debátese no pleno do Senado a lei de transferencia da AP-9 á Galiza. Un paso decisivo para dar cumprimento a unha aspiración histórica do pobo galego” afirma Carme da Silva durante a súa intervención, sinalando que o Partido Popular “estaba instalado no convencemento e a tranquilidade de pensar que esa lei nunca chegaría ao seu debate no Senado. Vivía, o PP, na hipocrisía de defender a transferencia na Galiza e impedila en Madrid”.
Mais, segundo explica a senadora nacionalista, o traballo do BNG fixo que caese esa escusa e sexa aprobada no Congreso esta transferencia. “O acordo conseguido polo BNG garante a transferencia da titularidade, a xestión completa, a continuidade das bonificacións conseguidas polo BNG e blinda a Xunta ante responsabilidades económicas derivadas da prórroga ilegal do PP e todas as decisións económicas adoptadas pola Administración Xeral do Estado e defende o autogoberno da Galiza” explica Carme da Silva, desmentindo a campaña de bulos dos conservadores a respecto do texto final.
“O Partido Popular non quere a transferencia á Galiza da AP-9 mais hoxe ten que pronunciarse. Teñen a oportunidade de unirse ao acordo de transferencia conseguido polo BNG, apostando pola lealdade á Galiza, ou seguir a negarlle ao pobo galego esta competencia e, en consecuencia, facer seguidismo ao PP máis rancio, centralista e antigalego” subliña.
A hemeroteca da AP-9 cita con nomes e apelidos os culpábeis da estafa do PP
“O tridente formado por Feixóo, Pastor e Raxoi vetaron até en tres ocasións o debate desta lei: en 2017 con M. Raxoi na presidencia do Goberno e Ana Pastor como presidenta do Congreso, vetaron a o debate dunha proposición de lei semellante a esta” recorda a senadora ensinando o escrito de debate asinado por Pastor. Daquelas, continúa Carme da Silva, Feixóo, líder do absentismo laboral, acatábao afirmando que “son un presidente leal ao meus país, a España” apoiando con entusiasmo as decisións do PP en Madrid. Ese veto tivo que ser levantado por sentenza do Tribunal Constitucional.
Por outra parte, Carme da Silva pon nome e apelidos aos responsábeis da “estafa das peaxes da AP-9”, unha das máis caras do Estado: José María Aznar, Mariano Raxoi e Alberto Núñez Feixóo. “Aznar prorrogou no ano 2000 a concesión até 2048, de forma ilegal, mais tería que ter acabado o 18 de agosto de 2023. Saltouse a legalidade para beneficiar a empresas amigas” enfatiza.
“Raxoi vetou sistematicamente a transferencia da AP-9 á Galiza e Feixóo asumiu obediente e calade por lealdade ao PP todas as decisións adoptadas polos anteriores” engade a senadora do BNG.
Unha mensaxe para Rueda e o PPdeG
Durante a súa intervención, senadora nacionalista fixo un chamamento aos senadores e senadoras do Partido Popular electos pola Galiza a desobedecer as ordes de Madrid e votar a favor da transferencia da Autoestrada do Atlántico á Galiza. “Teñen que optar por lealdade aos galegos ou galegas ou lealdade ao trío da estafa da AP-9. Non mintan máis, a estafa á Galiza fíxoa o PP coa prórroga e persiste coa súa negativa a aceptar a transferencia” interpela Carme da Silva.
Así mesmo, exixe a Rueda asumir as súas obrigas como presidente do Goberno Galego, “non boicotear a Comisión Mixta de transferencias” e non renegar das súas competencias. Do contrario, “ficará clara unha cousa: Rueda é un presidente incapaz de conseguir nada para a Galiza e será o presidente caladiño, mansiño e incompetente que o País non merece”.
“O BNG negociou a transferencia con plenas competencias e blindaxe económico para a Xunta. Rueda ameaza con non querer negociar na Comisión Mixta os termos concretos da transferencia como si se fixo no caso da AP-68 a Euskadi, tal e como despois a ex ministra pontevedresa exixía en 2019 ao Goberno” espeta Carme da Silva. Esta transferencia, a da AP-68, foi transferida ao Goberno vasco mediante negociación na Comisión Mixta mediante negociación bilateral entre os dous gobernos.