Crise demográfica e a transferencia das bolsas, prioridades do BNG para o último pleno ordinario

Xunta de portavoces
Xunta de portavoces

Pregunta en pleno sobre as supostas irregularidades na compra do 50% de Barreras por PEMEX, tras vetar o PP a comparecencia de Conde

O BNG pecha o último pleno ordinario do período de sesións abordando a xestión das bolsas universitarias, a crise demográfica e o peche de camas hospitalarias no verán. Igualmente, leva á Cámara as sobras que arroxa sobre o sector naval o anuncio do novo goberno de México para investigar por supostas irregularidades o contrato de compra de PEMEX de Barreras en 2012.

En relación ás axudas públicas para cursar estudos universitarios, o Bloque presenta unha proposición non de lei para reclamar a transferencia da competencia da xestión das bolsas, tal como recolle o Estatuto de Autonomía, con tres obxectivos que explica a portavoz nacional, Ana Pontón, tras a Xunta de Portavoces.

“Aumentar a cifra do alumnado beneficiado, levar a cabo unha xestión máis eficaz e áxil e corrixir o desequilibrio actual, posto que Galiza só supón o 4,8% do total de bolsas concedidas”, indicou. En relación á xestión, o obxectivo do Bloque é conseguir que as axudas se cobren ao inicio de curso, “xa que a día de hoxe as bolsas non chegan en moitos casos até final de curso, implicando unha sobrecarga adicional para as familias que mesmo teñen que recorrer ao endebedamento”.

A formación nacionalista presenta esta PNL convencida de que a transferencia permitiría unha xestións máis eficaz e adaptada á realidade social do país, pois os actuais criterios de carácter estatal ignoran as particularidades do alumnado galego e provocan exclusións inxustificadas na recepción destas axudas ao estudo.

O BNG utilizará a sesión de control ao presidente da Xunta para abordar a crise demográfica do país, que Pontón cualificou de “colapso”, con cifras que son as peores da historia e as peores tanto do Estado como da UE.

“Constatan o fracaso da xestión do PP, o fracaso dun modelo económico que precariza o emprego e dun modelo de recorte de servizos sociais públicos que penaliza a conciliación laboral e familiar”, indicou Pontón, tras recalcar que a solución a este grave problema non vai vir con anuncios propagandísticos e publicitarios como os realizados por Feixóo.

De cara ao debate en Pleno, o Bloque vai formular unha pregunta ao Goberno galego en relación á investigación aberta en PEMEX, “por supostas corruptelas” no contrato de compra venda do 50% de Barreras, que o actual inquilino de Monte Pío converteu na máxima promesa electoral en 2012 co anuncio de que esa operación ía supoñer a instalación da petroleira en Punta Langosteira e a construción de diversos floteis, remolcadores e quimiqueiros. Anuncio “que quedou en case nada”, denunciou Pontón.

O veto do PP á comparecencia do conselleiro de Industria, Francisco Conde, para explicar a situación obrigou ao BNG a utilizar o recurso da pregunta en pleno para tentar arroxar luz sobre un asunto “que prexudica a imaxe dos estaleiros galegos”, alegou.

Ordenación traballo parlamentario

Igualmente, o peche de camas e a non substitución do persoal sanitario no período estival completa os asuntos a tratar no pleno, “co obxectivo de conseguir unha rectificación da Xunta porque se recortan medios provocando unha saturación na atención sanitaria precisamente nunha época do ano no que en moitos concellos do país hai un incremento dos e das usuarias do sistema público de saúde”, concluíu a líder nacionalista.

En relación á ordenación do traballo parlamentario tras a constitución do Grupo Mixto, o BNG considera positivo o acordo unánime alcanzado, “pois respecta os criterios de proporcionalidade e igualdade de trato para que todos os grupos”, explicou Pontón, tras indicar que a formación nacionalista perde en cada período de sesións a posibilidade de formular unha pregunta de control ao Goberno e unha proposición non de lei, “en aras de facilitar o acordo”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG