Os concellos do BNG contra a pretensión do PP de impedir que as mulleres sexan donas dos seus corpos

O goberno de Carballo amosando nun pleno con camisolas de apoio ao dereito das mulleres a decidiren sobre o seu corpo

Acordos plenarios, actos diversos e pancartas que colgan das fachadas da Casa do Concello son a mostra da campaña nacionalista contra o Anteproxecto de lei do aborto do PP

Os gobernos municipais do BNG tamén tecen a súa oposición ao Anteproxecto de lei do Aborto que pretende impor o PP para impedir que as mulleres teñan dereito ao aborto libre e gratuíto. É esta unha lei que atenta contra os dereitos das mulleres, para estas non seren donas do seu corpo, das súas decisións. É esta unha lei clasista, que provocaría que moitas mulleres tivesen que se desprazar a outros estados e que conduce á clandestinidade e aos abortos de risco. É esta unha lei que converte as mulleres en cidadás de segunda, ao lexitimar a súa tutela por parte de profesionais sanitarios que se verán obrigados a actuar como xuíces. É esta unha proposta lexislativa que suscita un elevadísimo rexeitamento social e que suporía unha involución democrática con eliminación de dereitos conquistados ao longo dos anos, hoxe asumidos pola maioría da poboación.

Concellos gobernados polo BNG adoptaron acordos nos plenos da corporación municipal para instar a Xunta de Galiza a que demande do goberno do PP no Estado español a retirada do Anteproxecto de lei de protección de vida do concibido e da muller embarazada. Ademais, entre outras cuestións, demandar medidas nas áreas sanitarias do noso país para garantir ese dereito e a igualdade no acceso a esta prestación sanitaria.

Son noticia tamén os actos diversos programados. En Ribadeo, concello gobernado polo BNG, unha cadea humana xuntarase a través da ponte dos Santos con concellos de Asturias até Castropol. Video forum, representacións teatrais, charlas e outros actos, constitúen unha mostra da oposición da sociedade galega a unha lei retrógrada e machista.

Pontevedra,Carballo, San Sadurniño ou A Pobra do Brollón, con alcaldes do BNG, penduran xa nas fachadas da Casa do Concello cadansúa pancarta sob o lema 'Polo dereito das mulleres a decidir. Aborto Libre e Gratuíto' . Máis concellos uniránse ao longo destas semanas.

Resulta especialmente chamativa a oposición que a dereita está amosando contra o concello de Pontevedra por esta pancarta, chegando mesmo a unha campaña nas redes para pedir a súa retirada e colapsando o correo municipal durante horas. Esa mesma dereita é a que quere eliminar a capacidade das mulleres a decidiren sobre o seu corpo e é a que combateremos como BNG até a retirada da proposta de Gallardón.