Comunicado da Executiva Nacional do BNG sobre a situación en Afganistán

Afganistán - recurso

A Executiva Nacional do BNG, manifesta a súa fonda preocupación pola situación en Afganistán, en especial sobre a situación humanitaria en que se atopan milleiros de persoas no país a consecuencia da guerra, xa que a metade da poboación afgá vive na pobreza, cunha taxa de vida das máis baixas do mundo e de altísima mortalidade infantil, con 5,5 millóns de persoas refuxiadas.

A situación actual constata o fracaso da intervención imperialista que no seu momento foi denunciada polo BNG, unha intervención que supuxo a ocupación do territorio afgán desde 2001 por Estados Unidos e aliados da OTAN, entre eles o estado español. A derrota militar e política coa toma de moitas cidades e vilas e nomeadamente Kabul o pasado 15 de agosto polos talibáns, pon de manifesto que Estados Unidos e a OTAN abandonan Afganistán , despois de chegar a un pacto para deixar aos talibáns no poder, sendo neste tema a política de Biden un simple continuismo da de Trump.

O intervencionismo militar dos Estados Unidos e aliados deixa milleiros de persoas falecidas civís e militares, unha enorme devastación, ausencia de infraestruturas no país, corrupción, beneficios para a industria armamentística e apoio a determinadas elites, aumento do narcotráfico co  aumento do cultivo do opio e as mafias da heroina, e a pobreza xeneralizada en que vive a maioría da poboación afgá.

O BNG considera que o intervencionismo en Afganistán é unha clara evidencia do fracaso de inxerencia e do militarismo que, máis unha vez, pon de manifesto que non é unha solución. Estamos ante outro golpe soberanía dos pobos promovida polos Estados Unidos en moitos lugares do mundo, que deixa colapso e devastación e non melloras nin promoción da democracia e os Dereitos Humanos. O propio presidente Biden recoñecía que a misión en Afganistán non foi nunca “crear unha democracia”, e o abandono unilateral por razóns de política interna sen preocuparlle a situación en que fica a poboación afgá é a proba máis clara deste rotundo fracaso da pretendida hexemonía mundial que quixeron impor os Estados Unidos despois dos atentados do 11 de setembro de 2001. No fondo asistimos, unha e outra vez e de diferentes maneiras, á promoción de guerras que serviron de escusa para esta política imperialista da globalización capitalista que o BNG sempre denunciou.

O BNG expresa a súa preocupación pola implantación dun réxime político baseado na aplicación da sharía, que non respecte principios democráticos e dereitos humanos, opresor coas mulleres, as minorías sexuais e a disidencia política. Máis compre lembrar que nas dúas décadas de ocupación estadounidense tampouco houbo demasiados avances significativos nos Dereitos Humanos, co que para evitar esa hipocrisía sería necesario que a opinión pública internacional ponderase a falta de consolidación da igualdade e do respecto aos Dereitos Humanos nestes 20 anos  e que se denunciasen, coa mesma contundencia con que se fai neste momento cos talibáns, a situación das mulleres noutros estados sobre os que se bota un manto de silencio por seren aliados dos Estados Unidos e a OTAN.

O BNG expresa a preocupación clara pola situación das mulleres afgás, das minorías LGBTI, a infancia e as clases populares, que son as que máis poden sufrir a regresión e esixe o respecto e solidariedade internacional.

Tamén consideramos a urxencia dos visados humanitarios e corredores humanitarios para a situación das persoas que solicitan asilo e refuxio. Denunciamos así mesmo o cinismo de moitos Estados da Unión Europea de non admitir afgáns e afgás como refuxiados “alegando que non era un país en guerra” e que debe ser suspendida a aplicación da Declaración UE-Afganistán sobre retorno e admisión, asinada en febreiro de 2021, pola que serian deportadas moitas persoas que se atopan en territorio europeo e que as podería levar directamente á pena de morte. O BNG considera que se deben deixar saír todas as persoas en situación de vulnerabilidade nesta situación de urxencia humanitaria.  

O imperialismo provoca guerras e miseria, devastación e pobreza, vagas de persoas refuxiadas e control de recursos por unhas minorías privilexiadas e, por tanto, desde o BNG trasladamos a nosa crítica a este modelo, a nosa fonda preocupación polo pobo de Afganistán e trasladaremos iniciativas nos eidos institucionais para exixir o control dos investimentos do Estado e da UE en material armamentístico, o apoio humanitario e a acollida e facilitación de asilo a persoas refuxiadas procedentes de Afganistán.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG