Comunicado da Executiva nacional do BNG respecto do cumio europeo sobre a reconstrución económica poscovid-19

1. O Bloque Nacionalista Galego (BNG) considera que a Cimeira Europea sobre a aprobación do orzamento comunitario e o Fondo anti crise despois da pandemia da Covid19, non debe facer diferenzas entre países de primeira e países de segunda nin impor condicións leoninas que poden recortar dereitos coas reformas que desde Bruxelas queren impor a cada estado. O Consello Europeo debe manter a cantidade do Fondo de Recuperación sen que se rebaixe dos 750.000 millóns de euros (500.000 euros en transferencias e o resto en créditos). O BNG defende unha renegociación das cindicións da actual débeda e a mutualización da futura, sen que estabelezan condicións que repercutan no plano laboral, nas pensións ou nos investimentos para a recuperación.

2. O BNG considera inaceptábel a ameaza de bloqueo por parte dos denominados estados “frugais” na cantidade e control da execución dos fondos, como a ameaza de veto nos Consellos de Ministros ECOFIN, tal como pretenden os Países Baixos querendo impor a regra da unanimidade para autorizar o abonamento das axudas -que implicaría que un estado membro puidese boicotar todo o resto- e rexeita os plans de reformas estatais que se basean nas recomendacións específicas por estado. O BNG rexeita, tal como veu facendo na negociación no Parlamento Europeo, a proposta de redución do orzamento do “Marco Financeiro Plurianual 2021/2027” e unha posíbel redución do “Fondo de Recuperación e Resiliencia” (de 750.000 a 50.000 millóns de euros, que implicaría uns 5.000 millóns de euros menos para o Estado español, especialmente no referido á nacionalización/rescate de empresas en crise como sería o caso de ALCOA). O BNG considera que o pagamento das axudas europeas de reconstrución e dos fondos comunitarios, non debe estar sometido a unha nova condicionalidade macroeconómica que implique máis recortes e teña consecuencias na “flexibilidade laboral”, nos sistemas de pensións e de servizos públicos. O BNG rexeita calquera freo de urxencia para o control do fondo tal como anunciaron onte algúns estados, pois o obxectivo do fondo ten que ser a reconstrución económica e social dos países máis afectados polo coronavirus e non unha imposición de vetos nin recortes.

3. O BNG leva rexeitando desde o inicio da negociación no Parlamento Europeo, que haxa redución dentro do Marco Financieiro Plurianual dos Fondos de Cohesión e da Política Agraria Común (PAC) que, actualmente, viñan representando dous terzos do orzamento comunitario. Isto resulta especialmente preocupante para as economías como a galega cun especial peso do sector agrogandeiro e para as zonas máis subdesenvolvidas de Europa en termos de cohesión social. Ademais, de se materializar esta proposta, tal e como está a ser formulada, suporía reducir nun terzo a axuda humanitaria que a UE presta no resto do mundo (nun contexto mundial en que é máis precisa que nunca).

4. Cada estado ten que presentar un plan de reformas conforme as recomendacións específicas por estado membro, polo que cada estado debe xestionar os seus plans de reformas. Por tanto, o BNG insta a que o Estado español non ceda ás presións do Consello Europeo e non acepte condicións extremadamente negativas a nivel económico, social nin acepte Plans de Reformas que poidan ir contra as maiorías sociais. A pesar das máis de preto de 200.000 persoas falecidas na UE e os preocupantes novos rebrotes, a UE segue a amosar a súa faciana neoliberal na análise desta crise, fundamentalmente, en termos de reactivación dos mercados de venda do produtos das potencias centrais da UE que dunha saída “social” e xusta á crise da covid-19 en Europa.

5. Para o BNG o problema non é só a posición insolidaria e de veto dos Países Baixos nin do conxunto dos autodenominados “países frugais” (Países Baixos, Suecia, Austria e Dinamarca), ademais da feble posición do Estado español nas negociacións. É o propio proxecto último da Unión Europa. Nese sentido, o BNG ten sido historicamente, especialmente crítico co modo de integración do Estado español na CEE, con Maastricht, o Tratado de Lisboa ou cos intentos de acordos comerciais bilaterais como o TTIP ou o CETA e continúa a selo co actual modelo de “rescate” para os estados máis damnificados pola pandemia da Covid-19. Para o BNG resulta inadmisíbel que haxa unha resposta tan tardía e non se prime a solidariedade coa ameaza de condicionar a recepción de axudas e préstamos nun contexto de emerxencia social, económica e sanitaria a que se apliquen políticas regresivas en materia laboral ou de pensións.

6. Por outra banda, desde o BNG entendemos que se está a crear unha grande expectativa que non se corresponde coa realidade a respecto das necesidades urxentes dos sectores máis damnificados pola pandemia. Cando hai quen non sabe se poderá abrir a persiana o mes que vén, a UE no proceso de toma decisións e a aceptación dos Plans de reforma por parte do Goberno español (entre outras cousas deberase referendar o acordo en todos os Parlamentos dos estados membros) non é a solución. Na práctica, no mellor dos casos, impedirá a efectivización da chegada deses recursos até xa avanzado o ano que vén. Para moitas e moitos das e dos potencias beneficiarios desas axudas, será demasiado tarde.

7. As previsións menos alarmantes falan dunha caída do PIB español de entre o 10% e o 12% para o ano 2020. Actualmente a débeda do estado español supera o 100% do seu PIB e estímase que, nos vindeiros anos poida chegar até o 120% do PIB. A Comisión Europea deixou en suspenso o Pacto de Estabilidade, mais só temporalmente. Non tardará en reactivarse. Nese momento, se o Estado español quere seguir no euro, terá que acometer recortes masivos tal e como xa deixaron deslizar algúns dos máximos mandatarios comunitarios no establecimento dos Plans Nacionais de Reformas que cada Estado ten que aplicar. Se a partir de 2023 hai que volver aos criterios de estabilidade anteriores á pandemia para continuar no “clube do euro”, o Eurogrupo, só se poderá facer con drásticos recortes nas políticas sociais no Estado español.

8. Para alén dos eufemismos que se empreguen para a súa denominación, para o BNG é evidente que o Estado español sufrirá un rescate “duro”. A UE insiste en aplicar as políticas que se aplicaron durante a anterior crise (e que, en grande medida, a agravaron) cun especial acento, no caso do estado español, na maior “flexibilidade” do mercado laboral e a reforma (a peor) das pensións así como outros importantes recortes en servizos públicos esenciais, e que contaría coa total oposición do BNG.

9. O resumo desta cimeira é claro: reducir os fondos comunitarios e aumentar as esixencias para acceder a eles en vez de aplicar a solidariedade que se precisaría nunha crise desta envergadura. O BNG non pode estar máis en desacordo con esa orientación polo que significaría, no terreo práctico, para Galiza e a maioría da súa poboación. Desde o BNG seguiremos a reivindicar en todos os ámbitos institucionais e na rúa unha saída social a está crise con solidariedade e non con recortes, para que non a volvan pagar as e os mesmos que a anterior. Unha saída ao servizo das clases populares e onde as diferentes nacións de Europa teñan capacidade de decisión real sobre cuestións básicas da súa economía e organización social.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG