Comunicado da Executiva Nacional do BNG tras a cimeira da OTAN en Turquía
A cimeira da OTAN en Ankara (Turquía) que se vén de celebrar supón un paso máis na deriva armamentista e belicista, impulsada desde Washington, ao servizo dos intereses do Imperialismo e da súa axenda de dominación.
A Executiva Nacional do BNG quere expresar publicamente a súa valoración diante dunha Declaración de Ankara que consolida e afonda nas liñas de actuación xa fixadas no relativo ao aumento xeneralizado do gasto militar, mantendo a esixencia de destinar o 5% do PIB para gasto militar.
Unha aposta que incrementa os riscos de seguridade ao provocar aínda maior inestabilidade a nivel internacional que pode desembocar nun agravamento dos conflitos armados en curso ou no inicio de novos. E da que só se beneficia a grande industria armamentística, nomeadamente a norteamericana, drenando inxentes recursos públicos que son retirados da atención de necesidades sociais e o fortalecemento de servizos públicos para alentar o negocio privado da guerra, no que os lucros son para uns poucos e as consecuencias devastadoras (en forma de morte e destrución) son sempre para a maioría social e os pobos do mundo.
Neste sentido, é de enorme preocupación que a OTAN presente como un éxito a autorización de que a Ucraína poida fabricar mísiles Patriot. Máis unha evidencia de que a denominada Alianza Atlántica non ten como prioridade a procura da paz, a través dun acordo diplomático que poña fin ao conflito, senón estender a guerra en beneficio do complexo militar-industrial.
Da mesma maneira, resultan extraordinariamente graves as ameazas vertidas no marco da cimeira contra terceiros países, nomeadamente o Irán, así como a expresa vontade por continuar mantendo as intervencións imperialistas ditadas polos EUA, que demostran de maneira rotunda que a OTAN non é unha alianza defensiva senón un instrumento militar ao servizo dos intereses imperialistas e un verdadeiro factor de inestabilidade global.
Desde o BNG temos que expresar unha rotunda crítica ao papel desenvolvido polo Goberno español (PSOE-Sumar) que se demostrou un exercicio irresponsábel de cinismo político. Resulta intolerábel e indecente que o presidente Pedro Sánchez acudise á cimeira para exhibir con triunfalimos ter elevado até o 2% do PIB o gasto militar, gabándose de ter incrementado o orzamento de Defensa nun 14% nos últimos 8 anos, recoñecendo estar a destinar a partidas militares máis de 35 mil millóns de euros.
Este recoñecemento verifica a denuncia sostida polo BNG nos últimos anos alertando de que se estaba a producir, de maneira opaca, o maior aumento do gasto militar e armamentista das últimas décadas. Que un goberno que se autodenomina "progresista" sinale como o seu maior éxito o transvasamento masivo de cartos públicos á industria armamentística é inadmisíbel. Mentres a sanidade pública, a educación, a vivenda, as infraestruturas ou o desenvolvemento produtivo de nacións como Galiza seguen a padecer défices estruturais e históricos por "falta de fondos", o diñeiro flúe sen freo para mercar fragatas ou avións de combate.
Temos que denunciar e rexeitar a decisión do Consello de Ministros do pasado 7 de xullo de transferir un crédito extraordinario de 6.287 millóns de euros para o Ministerio de Defensa, un movemento opaco que é claro só pretendeu agradar e render vasalaxe aos ditados da administración norteamericana. A estratexia de utilizar modificacións orzamentarias e transferencias de crédito é unha burla democrática. O Goberno evita deliberadamente un debate aberto no Congreso porque sabe que o incremento do gasto militar non conta co apoio maioritario das clases populares. Aprobouse por decreto para presentarse en Ankara cos "deberes feitos" perante os xefes do Pentágono, actuando de costas á cidadanía.
Para alén do aumento do despilfarro en gasto militar, outra decisión que insiste no aliñamento submiso e na obediencia práctica -máis alá da escenificación de disensos- coa estratexia belicista da OTAN é o alargamento da participación das forzas armadas españolas en misións da alianza, como a incorporación de tropas á misión das Forzas Terrestres Avanzadas da OTAN en Finlandia, especificamente deseñada para o control e a "protección" da rexión ártica frente a Rusia. A mobilización de máis forzas e recurso militares na fronteira Leste da UE só incrementará as tensións e os riscos.
Asemande, o Goberno español ratificou a súa vontade de continuar a ser o terceiro membro da OTAN con máis efectivos despregados en misións exteriores, comprometéndose a manter e inflar o continxente permanente que nestes momentos roza os 3.000 efectivos activos repartidos en varias frontes como o Grupo de Combate no denominado flanco Leste, as misións de “policía aérea” nos países bálticos ou as misións marítimas da OTAN, nas que participan navíos con base en Ferrol.
Vemos como sob coartada da "solidariedade aliada" e a estratexia dos 360 graos, o Goberno de Pedro Sánchez vén de asumir novas obrigas operativas que afondan na implicación española en escenarios de alta tensión xeoestratéxica. A inclusión no Ártico e o mantemento de tropas no flanco leste non protexen a cidadanía; pola contra, convértennos en cómplices de dinámicas de bloques que aumentan o risco de confrontación global.
Tal e como o BNG ten sostido historicamente, a participación do Estado español na OTAN é unha hipoteca para a soberanía e un perigo para a paz. A cimeira de Ankara reflicte que a Alianza Atlántica esixe estados sumisos que actúen como clientes das súas corporacións armamentísticas e como soldados de infantaría nas súas frontes.
A seguridade real non se mide no número de mísiles nin nas gabanzas recibidas dos “señores da Guerra” nunha cimeira atlantista. A verdadeira seguridade constrúese garantindo o respecto ao dereitos humanos e a soberanía dos pobos, o benestar social, a xustiza económica e unha política exterior baseada na neutralidade, na diplomacia, a cooperación internacional e o desarmamento. A saída da OTAN e o desmantelamento das bases militares en solo estatal seguen a ser, hoxe máis ca nunca, demandas urxentes para un futuro de paz.
Chamamos ao pobo galego a seguir expresando o seu masivo compromiso en favor da paz, contra o militarismo e o belicismo, apostando nunha orde internacional multipolar, de pobos libres e soberanos, e pola fin de todas as agresións imperialistas.