Comunicado da Executiva do Bloque Nacionalista Galego polo 50º aniversario da proclamación da República Árabe Saharauí Democrática

Neno saharaui

A Executiva Nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG) quer facer chegar un saúdo fraternal e todo o recoñecemento ao pobo saharauí e á Fronte Polisario, como o seu lexítimo representante, con motivo do 50º aniversario da proclamación da República Árabe Saharauí Democrática (RASD).

Cinco décadas despois daquel 27 de febreiro de 1976, a causa saharauí segue a ser un símbolo vivo da loita dun pobo pola súa dignidade, a súa terra e a súa soberanía.

Para o BNG, a defensa do dereito de autodeterminación dos pobos é un principio irrenunciábel, por iso:

  • Reafirmamos o noso compromiso coa causa do Sáhara Occidental, a última colonia de África, e a nosa posición ao lado da RASD e da loita do Fronte Polisario.
  • Esiximos o fin da impunidade e o cumprimento efectivo das resolucións da Corte Internacional de Xustiza da Haia na súa sentenza de 1975 determinou que a soberanía sobre o Sáhara Occidental pertence en exclusiva ao pobo saharauí, soberanía ratificada por múltiples resolucións da ONU e sentenzas do Tribunal de Xustiza da Unión Europea; e polo tanto a celebración dun referendo libre e democrático de autodeterminación, que permita ao pobo saharauí decidir o seu futuro.
  • Condenamos a ocupación ilegal marroquí e a represión sistemática contra a poboación saharauí e a vulneración continuada dos dereitos humanos nos territorios ocupados.
  • Esiximos o cesamento da explotación dos recursos naturais do Sáhara Occidental sen o consentimento do seu pobo, e reclamamos da comunidade internacional, a empezar polo Estado español e a Unión Europea, unha actitude activa que poña fin a este espolio.
  • Denunciamos que o apoio ao plan de autonomía baixo soberanía marroquí, cos que se teñen aliñado o Goberno español, francés e EUA, supoñen unha vulneración da legalidade internacional e unha traizón histórica ao pobo saharauí.

Como nacionalistas galegos, sentimos como propia a loita dun pobo que, como o noso, defende a súa identidade, a súa cultura e o seu dereito a existir en liberdade. A historia demostra que non hai forza ocupante que poida perpetuar no tempo a negación da liberdade dun pobo. A resistencia durante cincuenta anos é a mellor proba de que a dignidade non se negocia e a vontade de ser son máis poderosas que calquera exército ou interese económico.

Temos o firme convencemento de que o pobo saharauí vai triunfar e que conseguirá un Sáhara libre.