Carmela González denuncia a inacción da Xunta ante a desaparición dos quioscos por abusos das distribuidoras
A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Carmela González, denunciou a situación "preocupante" que viven os vendedores e vendedoras de prensa escrita, á beira da desaparición por unas condicións comerciais "inviables" e abusivas por parte das empresas distribuidoras.
González detallou as prácticas que asfixian economicamente ás quiosqueiras: fianzas abusivas de ata 8.000 euros, comisións ridículas por venda de menos de 20 céntimos por xornal, e devolucións tardías que converten os locais en almacéns. Ademais, denunciou que as distribuidoras cobran por adiantado os exemplares, pero tardan "meses" en devolver o diñeiro polos que non se venden, mentres que o transporte corre a cargo do vendedor. "Esta situación supón que sempre lle deben diñeiro á distribuidora", lamentou, destacando que esta realidade é un "claro caso de abuso de poder" e "competencia desleal", xa que grandes superficies como supermercados non están suxeitas ás mesmas condicións.
A deputada recordou que o 21 de setembro de 2017 o Parlamento galego aprobou por unanimidade trasladar esta problemática á Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia, solicitando unha regulación que poña fin aos abusos. Seis anos despois, a situación non só non mellorou, senón que se agravou, pechándose centos de quioscos en toda Galiza.
Inacción da Xunta e escusa nas competencias
Perante esta crise, González censurou a inacción do goberno do PP. Sinalou que, a pesar de que en 2018 a entón directora xeral de Comercio confirmou que se trasladara o acordo e que a Comisión Galega de Competencia defendía incluír a figura do "abuso de dependencia económica" na lei para poder actuar administrativamente, "pasaron seis anos desde ese momento" sen que se producisen avances.
A deputada criticou que o conselleiro actual, José González, non soubo responder ás preguntas sobre que xestións se fixeron nestes anos, nin se elaborou o informe solicitado ou se promoveu o diálogo entre as partes. "A realidade é que nos trasladan que non", afirmou, acusando á Xunta de "non ver o problema" e de eludir as súas responsabilidades escudándose en que non é competencia súa, cando a Comisión Galega de Competencia ten o mandato de velar pola competencia leal e podería actuar.
Carmela González alertou de que a desaparición dos quioscos non é só unha crise comercial, senón un problema de dereitos cidadáns, xa que afecta principalmente a persoas maiores sen acceso a Internet, privándoas do seu dereito á información. Exixiu á Xunta que, a través da Dirección Xeral de Comercio, medie de maneira efectiva, faga o informe pendente e apoie un sector estratéxico para a cohesión social e o acceso á información en Galiza.