Carme da Silva pide a galegas e galegos unha participación masiva nas urnas pensando nos intereses de Galiza

Carme da Silva

A cabeza de lista do BNG na provincia de Pontevedra, Carme da Silva, está a aproveitar a xornada de reflexión de hoxe para gozar de familia, e de amigas e amigos, cos que acudiu á feira do produto gourmet galego e innovación inspiradora ‘Etiqueta Negra’ no Recinto Feiral de Pontevedra. 

Segundo destacou Da Silva, a visita a ‘Etiqueta Negra’ era obrigada por ser un referente dentro das feiras de produtos autóctonos galegos. Cualificándoa como o ‘Culturgal da comida’, a nacionalista destacou que esta cita pon en valor a calidade, tradición e innovación da gastronomía galega, “xa que ten a mellor materia prima, pero tamén o valor engadido do saber facer tradicional e da vangarda e a innovación”. 

O percorrido pola feira foi interesante, aproveitando para probar algúns dos produtos presentados, e rematou con varias bolsas camiño da casa da candidata. “Moitas das exquisiteces que esta fin de semana están aquí expórtanse fóra do país e ao estranxeiro, dende viños ata gulas, polo que convido a todo o mundo a aproveitar a ocasión e achegarse e coñecelos xa que as teñen de lado. Seguro que as máis das persoas acaban mercando algo para comer ou beber na súa casa”, subliñou.   

A candidata ten previsto pasar a tarde con amigos e amigas e familiares, aos que novamente, igual que tralas eleccións anteriores, quixo dar as grazas polo apoio e cariño amosado todos os días do ano, pero especialmente ao longo da campaña.

En canto á xornada de mañá, Da Silva confiou en que o día será tranquilo e animou á xente a que acuda a votar para defender os seus intereses e que Galiza teña representación no Congreso dos Deputados para poder ter un futuro mellor como país. 

Acudirá a votar mañá ás 10 da mañá no local social do Gorgullón, acompañada do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, así como de Kiko Da Silva, tamén candidato.