senado

Carme da Silva defenderá a frota pesqueira galega ante o Goberno e a súa intención de instalar eólica mariña na costa galega

Carme da Silva

“Avaliou o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación o impacto do desenvolvemento da enerxía eólica mariña no sector pesqueiro galego?” formulará

A senadora do BNG participa na vindeira sesión de control ao Goberno na cámara alta preguntando ao Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación

A senadora do BNG, Carme da Silva, participará na vindeira sesión de control ao Goberno no Senado e trasladará a preocupación do sector pesqueiro galego ante a aceleración da planificación da eólica mariña na costa do país. Dirixíndose ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Carme da Silva requirirá coñecer se se avaliou o impacto real do desenvolvemento desta industria sobre a frota pesqueira galega e defenderá os seus intereses.

A pregunta será directa: “avaliou o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación o impacto do desenvolvemento da enerxía eólica mariña no sector pesqueiro galego?”

Carme da Silva avanza que a súa intervención estará centrada na defensa firme do sector do mar frente a aceleración, por parte do Goberno, de impulsar as poxas e a implantación de parques eólicos mariños. A senadora advertirá de que “non se pode converter o mar galego nun polígono industrial ao servizo do lobby eléctrico, sacrificando unha actividade estratéxica que sostén milleiros de empregos directos e indirectos”.

A representante nacionalista insistirá en que o debate non é sobre as enerxías renovábeis, senón sobre a ausencia de garantías. “Non se pode avanzar sen estudos rigorosos e independentes” sinala, facendo fincapé en que a día de hoxe non existen estudos ambientais nin socioeconómicos completos que avalíen o impacto destas instalacións nas especies, nos caladoiros históricos nin na cadea de valor da pesca.

Neste sentido, Carme da Silva reclamará que se aplique o principio de precaución antes de ampliar zonas ou autorizar novas poxas, e preguntará ao Ministerio se conta con informes científicos solventes que analicen as consecuencias sobre as capturas e a viabilidade económica da frota, especialmente da artesanal.

O BNG advertirá tamén de que os propios estudos preliminares existentes recoñecen que a tecnoloxía da eólica mariña flotante en augas profundas está aínda en fase de desenvolvemento e aprendizaxe, polo que resulta “profundamente imprudente” promover o seu despregue masivo en zonas que coinciden cos principais caladoiros galegos.

A formación nacionalista subliñará que a Galiza non pode ser “nin terra nin mar de sacrificio” para experimentar a gran escala cun modelo que pode comprometer e afectar directamente á frota pesqueira galega. “Non imos permitir que se poña en risco o futuro do noso sector pesqueiro para engordar os beneficios dun oligopolio eléctrico que leva décadas espoliando os nosos recursos” defenderá a senadora.