Senado

Carme da Silva, sobre Adamuz: “Non se pode repetir a historia de Angrois”

Da Silva mostra o pesar do BNG para coas familias e vítimas de Adamuz e exixe que non se repita o acontecido en Angrois: “xustiza, verdade e reparación, caia quen caia”

A senadora do BNG insta o Ministro de Transportes a cumprir o acordado e corrixir o agravio de que a Galiza non conte con servizo ferroviario de proximidade

“O que máis preocupa á xente na Galiza é a mobilidade diaria: para estudar, traballar, acceder a servizos” asevera

Durante a comparecencia do Ministro de Transportes no Senado, o Bloque Nacionalista Galego demanda o compromiso do Goberno para mellorar as infraestruturas e servizos ferroviarios na Galiza para rematar cos agravios que sofre o País. A senadora do BNG, Carme da Silva, mostra a solidariedade e o pesar da organización ás vítimas e familiares dos sinistros de Adamuz e Gelida e agarda “xustiza, verdade e reparación, caia quen caia”.

Infraestruturas e servizos ferroviarios na Galiza

“O accidente de Adamuz pon o foco mediático en incidencias ferroviarias e desde o BNG levamos anos trasladando ao Ministerio demandas para mellorar as infraestruturas ferroviarias na Galiza, o parque móbil, renovar o material, modernizar a rede” sinala a senadora nacionalista. Cuestións que, alén das iniciativas parlamentarias, o BNG conseguiu introducir nos Acordos de Investidura e que se están vendo materializadas.

O que non ten deficiencias, espeta Carme da Silva, é o sistema galego de proximidade ferroviaria: “porque é inexistente”. De facto, este compromiso para a implantación das cercanías ferroviarias na Galiza está recollido no Acordo de Investidura do BNG polo que a senadora nacionalista anima o Ministro a coñecer o prazo de finalización do estudo e publicalo na maior brevidade. “Hai que corrixir o agravio de non contar co servizo ferroviario de proximidade” sinala, afirmando tamén a urxencia de implantalo cando se están suprimindo paradas como a da Gudiña nas liñas de alta velocidade.

Non se pode repetir a historia: “na Galiza sabémolo ben”

“O accidente do Alvia 04155 en Angrois causou 80 mortes e 143 feridos polo que na Galiza coñecemos ben o que significa un accidente destas características. Quero trasladar en nome do BNG o noso cariño, empatía e solidariedade con todas as vítimas e familiares do accidente de Adamuz” traslada a senadora do BNG.

Un accidente, o de Angrois, que tivo unha “pésima xestión” do entón Goberno do Partido Popular e onde houbo un “afán de protexer a cúpula de Adif-Renfe e eximirse de responsabilidade” e contou cun trato “lamentábel e inhumano” cara ás vítimas e familiares tanto dos responsábeis do Goberno do PP como dos responsábeis anteriores do Goberno do PSOE e o pacto de silencio do bipartidismo.

Sobre a recente sentenza da Audiencia da Coruña, que Carme da Silva cualifica como “vergoñenta”, explica que senta “un mal precedente” e que mesmo preocupa ao BNG “de cara ao futuro porque instaura a impunidade para os poderosos neste tipo de catástrofes”.

“Caia quen caia: debe haber xustiza, verdade e reparación”

A senadora nacionalista sinala que non se pode volver a repetir a historia e que o accidente de Adamuz debe “investigarse con total transparencia, independencia, rigorosidade e profesionalidade” para coñecer as verdadeiras causas e “delimitar todas as responsabilidades”.

“Para Angrois e para Adamuz exiximos xustiza, verdade, reparación, chegar á raíz das causas, caia quen caia, para evitar accidentes futuros destas características” sentenza Carme da Silva.