Carme da Silva, a Aagesen, sobre o modelo enerxético depredador para a Galiza: “non sexa cómplice deste destrozo”
A senadora do BNG denuncia ante Aagesen a planificación eléctrica que converte a Galiza nun “territorio extractor ao servizo do oligopolio enerxético”
O BNG exixe ao executivo unha planificación que respecte o territorio, teña en conta os efectos acumulativos e priorice o interese da cidadanía e o equilibrio territorial
O megaparque do Greco e o proxecto da central hidráulica reversíbel de Montemaior: dous exemplos do modelo promovido por Xunta e Estado que denuncia o BNG
A senadora do BNG, Carme da Silva, durante a sesión de control ao executivo na cámara alta advirte á Vicepresidenta Terceira e Ministra para a Transición Ecolóxica de que a actual planificación do sistema eléctrico “responde aos intereses das grandes empresas enerxéticas e non ao interese xeral”, convertendo Galiza “nun territorio produtor de enerxía para outras zonas do Estado” sen beneficios e cunha inmensa afectación ambiental, social e patrimonial.
Durante a sesión de control, a senadora do BNG reclama ao Ministerio para a Transición Ecolóxica unha planificación eléctrica que respecte o territorio, teña en conta os efectos acumulativos e priorice o interese da cidadanía e o equilibrio territorial.
Da Silva subliña que o debate non está na produción de renovábeis, senón en “onde, como e para que” se instalan, denunciando a coincidencia estratéxica entre a Xunta de Galiza, o Goberno do Estado e o oligopolio eléctrico. A senadora lembra que a Galiza conta cunha potencia instalada de 9.591 MW, frente aos 549 MW de Madrid, e alerta de que serán as galegas e galegos quen asumirán, a través do recibo da luz, os custes das novas liñas necesarias para transportar a enerxía cara ás zonas que consomen mais non producen.
O boom eólico depredador: o caso do megaparque Greco e a saturación do territorio
Exemplo do papel de produtora que se asigna á Galiza, apunta a senadora do BNG, é o que está a acontecer ante os centos de proxectos eólicos que se están a tramitar. Da Silva citou o megaparque eólico Greco, de 109,2 MW, promovido polo grupo Villar Mir e que afecta a seis concellos: Cerdedo-Cotobade, A Lama, Fornelos de Montes, Covelo, Avión e Beariz. Neste sentido, alerta que, nun radio de 25 quilómetros, existen xa 17 parques eólicos operativos con 421 aeroxeradores, unha cifra que “supera amplamente a capacidade real de acollida do territorio”.
A senadora do BNG demanda á Ministra “non ser cómplice dun destrozo patrimonial, ambiental e social”, e exixe que non actúe como a Xunta, “que modifica calquera normativa para satisfacer as exixencias das empresas”.
Almacenamento hidráulico sen garantías nin transparencia: Montemaior
Da Silva pon o foco, igualmente, na aposta estatal polo almacenamento hidráulico na Galiza, concentrando en territorio galego a metade de toda a capacidade prevista para o Estado: 5 GW. “Caso singular da planificación é a subvención de 40 millóns de euros que o IDAE aprobou o proxecto da central hidráulica reversíbel de Montemaior, concedida sen que se coñezan publicamente a empresa promotora, a localización, e sen que exista ningún trámite ambiental ou garantía de viabilidade técnica”.
A senadora reclama ao Goberno do Estado transparencia inmediata sobre este proxecto e critica que se utilicen fondos públicos para actuacións “opacas e ao servizo de intereses privados”.