BNG vota en contra da “vergoñenta e fascista” Directiva Retorna da UE

Ana Miranda
Ana Miranda advirte que “PP, Feixoó e Rueda, son cómplices da deshumanización das persoas migrantes” e condena unha Directiva “racista e xenófoba” que “veu da man da estrema dereita e á que PP se sumou entusiasta”

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, votou en contra da “vergoñenta” reforma da política europea para a deportación das persoas que cheguen a estados da UE e o Regulamento europeo de retorno. Unhas normativas impulsadas polas formacións da estrema dereita e que saíron adiante no pleno de Estrasburgo grazas aos votos favorábeis do PP.

PP é cómplice dunha normativa racista, xenófoba e racista

“PP, Feixoó e  Rueda, son cómplices desta deshumanización. Sumisos aos ditados da estrema dereita que por certo lles agradeceu o seu apoio”, afirmou Ana Miranda quen deixou claro que “hoxe é un día triste. Migrar non é delito. Os galegos e  galegas sabémolo ben porque somos un pobo emigrante. Non quereríamos nunca normativas así para os nosos emigrantes, por iso as rexeitamos para as demais persoas”.

Crearán campos de concentración, guettos

O novo regulamento europeo de retorno de aplicación inmediata, contempla medidas absolutamente contrarias ao dereito internacional, aos dereitos humanos e o marco ate agora estabelecido en asilo nunha UE cada vez “máis escorada á estrema dereita, racista, discriminatoria e deshumanizada”, afirmou Miranda. Esta normativa aumenta os prazos de detención e abre a porta á construción e posta en marcha de “centros de retorno” a situar en terceiros países e se inscribe nunha liña política centrada na represión. Insta á deportación sen dereitos.

Unha normativa “fortemente contestada por parte de centos de organizacións de defensa dos dereitos humanos e por formacións políticas como o BNG que a consideramos un frontal atentado aos dereitos humanos. Preocúpanos en especial o trato aos menores e censuramos unha UE que perdeu os valores, a humanidade, a dignidade, cada vez máis fascista e trumpista ao mercar o marco da criminalización do diferente, en especial das persoas racializadas”.

Hooligans do “send them back”

Miranda lamentou o “triste espectáculo ofrecido onte á tarde no pleno do parlamento europeo, con eurodeputados e eurodeputadas do PP aplausando entusiastas e celebrando un regulamento ao berro de “send them back” que é unha barbaridade desde o punto de vista dos dereitos humanos e que da vía libre á construcción de campos de concentración ou guettos noutros países sen garantías para as persoas. Puro nazismo”.

Manifestou que “no BNG continuaremos a traballar polo trato digno e humano ás persoas migrantes, denunciaremos toda actuación denigrante, racista e criminalizadora. O bloco fascista sempre nos vai ter enfrente na defensa dos dereitos humanos” e apelou a poñer freo “a esta UE fascista e trumpista”.