BNG ve a proposta do PP para o galego “un paso atrás” porque mesmo reduce a protección da lingua do actual PXNL
Mercedes Queixas denuncia que se elimina a garantía de que cando menos o 50 % do ensino sexa en galego e tacha o plan de “paripé propagandístico”
“Rueda está logrando o que non fixo nin o franquismo: facer do galego unha lingua de segunda e roubarlle ás futuras xeracións o dereito a coñecelo”
“Un pacto do PP co PP é o único que ofrece o titular da Xunta, que se confirma como o presidente do ‘Non’ ao galego”, asegura a deputada
A portavoz de Lingua do BNG no Parlamento, Mercedes Queixas, considerou que a proposta de actualización do Plan Xeral de Normalización Lingüística do Goberno de Rueda é “un paso atrás para o galego”, entre outras cuestións porque reduce a protección para a lingua que existe no plan vixente. “Non estamos ante ningún plan a favor da lingua, senón ante un paripé propagandístico do PP para intentar tapar 17 anos de políticas en contra do galego”, denunciou.
Proba disto é que o PXNL vixente, pactado por unanimidade no 2004, fixa un 50 % como mínimo de ensino en galego e o documento presentado polo PP elimina esta protección, explicou Queixas, que advertiu ademais que unha gran parte das medidas propostas polas persoas expertas nas comisións de traballo “non lograron pasar o filtro de San Caetano”, en particular no que ten que ver co aprendizaxe e uso do galego no ensino.
“Un pacto do PP co PP é o único que ofrece Rueda, que se confirma como o presidente do ‘Non’ ao galego”, subliñou a deputada nacionalista, que lamentou que o Goberno do PP, na súa “estratexia deliberada en contra da lingua galega” manteña o “decreto da vergoña” que “converteu o galego en lingua de segunda no ensino e que colocou o noso idioma na peor situación da súa historia”.
Lembrou, neste punto, que por primeira vez na historia o castelán é a lingua máis falada, que o galego é a única lingua do Estado que perde falantes e que, segundo a estatística do IGE, só o 7 % dos nenos e nenas falan galego sempre, a metade que en 2018. Ademais, un de cada tres mozos recoñece non saber falalo. “A este ritmo –alertou– en dez anos o galego podería desaparecer entre a xente moza”.
“O Goberno de Rueda está logrando o que non foi capaz de facer nin o franquismo: converter o galego nunha lingua residual e roubarlle ás futuras xeracións o dereito a coñecer o galego para ter a liberdade de usalo”, afondou Queixas, sinalando que “debaixo da propaganda do PP”, a realidade é que o próximo curso comezará coa prohibición de impartir matemáticas, tecnoloxía, física e química en galego ou que a escola “seguirá a ser desgaleguizadora por imposición do decreto da vergoña”.
Sen medidas nin planificación nin orzamento
A deputada do Bloque sostivo que co plan presentado, sen medidas concretas, sen planificación e sen orzamentos, o Goberno de Rueda confirma a súa estratexia de “acoso e derruba” ao galego. Tras o “acto propagandístico”, detallou, o PP segue sen aclarar como se vai reverter a perda de falantes, como se vai garantir a aprendizaxe do galego e como se van garantir os dereitos lingüísticos, “que son parte dos dereitos humanos”.
Mercedes Queixas insistiu na disposición do BNG ao diálogo en favor do galego “desde o primeiro día” e criticou, ao respecto, que o PP na Xunta aínda non deu resposta ao documento coas propostas nacionalistas que lle foi remitido “ao principio deste proceso”.
Diante deste “gran exercicio de propaganda e ante o empeño do PP de manter as súas “políticas lingüicidas”, o BNG reclama en primeiro lugar a derrogación “de inmediato” do “decreto da vergoña”, de maneira que empece cun novo que cumpra cando menos o que di o Plan de Normalización vixente: 50 % mínimo en galego nas aulas e suprimir o veto a ensinar materias no idioma propio de Galiza.
En segundo lugar, a proposta do Bloque pasa por cumprir o Plan de Normalización Lingüística vixente, “o gran pacto social a favor do galego que o PP leva 17 anos boicoteando”, dixo Queixas, que considerou que “non pode ser que en 2026 haxa menos ambición a favor do galego que en 2004”.
En resposta ás preguntas dos xornalistas, a deputada nacionalista insistiu en que o BNG estivo en todos os pactos pola lingua e acusou o PP “romper unilateralmente todos os consensos”, sobre a Lei de Normalización Lingüística, o Plan Xeral de Normalización ou o decreto 79/2010. “Quen ten que volver ao consenso e ao acordo é o Partido Popular”, recalcou, emprazando ademais ao PP a explicar por que “vetou” unha parte importante da propostas feitas polas comisións de persoas expertas que a propia Xunta nomeou.
“O que lle pedimos a Rueda é que rectifique e que, dunha vez por todas, saia de detrás da pancarta en contra do galego e que lle dea a man á inmensa maioría da sociedade galega, que lle que ao galego”, concluíu.