Parlamento Galego

BNG ve na proposta do PP para dirixir a CRTVG a culminación dun “dedazo anunciado” para afondar no control político do ente

Olalla Rodil

Olalla Rodil: “O PP nunca quixo nin negociar nin acordar nada e confirma a súa aposta para que a compañía siga sendo o seu terminal de propaganda”

“Estamos diante da CRTVG máis ‘pepera’ da historia e vai seguir sendo así”, denuncia

O BNG cualifica a proposta do PP para a Dirección Xeral da CRTVG como a “crónica dun dedazo anunciado” que ten por obxectivo seguir afondando no control político da compañía, convertida “no terminal de propaganda do Partido Popular”.

Así o explicou a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, logo de coñecerse que os populares propoñen como nova directora xeral do ente á que é responsable dos servizos informativos dos medios públicos galegos dende o ano 2017, o que evidencia a súa aposta por unha persoa que afonda “no control político”.

Rodil indicou que coa escolla da nova dirección xeral, o PP tiña dúas opcións: ou apostar por unha CRTVG que “estea ao servizo dos galegos e das galegas, que sexa plural, obxectiva e situada na Galiza de hoxe”, ou apostar por unha persoa que “afonde no control político” nunha compañía que, denunciou, “está convertida no aparato de propaganda do Partido Popular para maior gloria do seu líder”.

“E o Partido Popular escolleu máis control político”, sintetizou a viceportavoz parlamentaria do BNG, quen incidiu en que, con esta designación, o PP “acaba o paripé destes días” dado que “nunca quixo nin dialogar, nin negociar, nin consensuar nada co resto de forzas políticas”.

Rodil recalcou que esta proposta deixa unha vez máis en evidencia que o PP “non quere uns medios públicos que informen de maneira veraz e obxectiva”, senón que “o único que quere é unha CRTVG que estea convertida “no seu terminal de propaganda particular” para “maior gloria do seu presidente”.

“Estamos diante da CRTVG máis controlada e máis ‘pepera’ da historia e vai seguir sendo así e para iso nomean directora xeral a quen é responsable dos servizos informativos cas nos últimos dez anos”, concluíu.