BNG urxirá o Goberno a publicar o protocolo contra o acoso e a guía de prevención no servizo do fogar

Carme da Silva

Carme da Silva demandará ao Secretario de Estado de Traballo axilidade na publicación do protocolo e da guía técnica

A senadora do BNG sinala que o Goberno “non pode permitir que unha norma que naceu para mellorar a vida das traballadoras do fogar fique a medio desenvolver”

A senadora do BNG, Carme da Silva, denuncia a dilación que o Goberno do Estado está a ter no relativo á publicación do Protocolo de actuación frente á situacións de violencia e acoso no servizo do fogar e da Guía técnica de prevención de riscos laborais no traballo doméstico, ambas previstas no Real Decreto 893/2024. Da Silva exixirá publicar de maneira inmediata tanto o protocolo como a guía técnica.

As preguntas orais, que se realizarán o vindeiro xoves na Comisión de Traballo do Senado, prodúcense despois de constatar que, transcorrido máis dun ano desde a aprobación da norma, o Goberno do Estado continúa sen dar cumprimento ás obrigas recollidas nas disposicións adicionais segunda e terceira do citado decreto, que establecían un prazo máximo dun ano para a súa elaboración.

Carme da Silva lembra que o Real Decreto 893/2024 supuxo “un avance importante na dignificación das condicións laborais das traballadoras do fogar”, mais advirte que a falta de desenvolvemento destas ferramentas fundamentais “deixa sen protección efectiva a milleiros de mulleres nun ámbito especialmente vulnerábel”.

“É urxente e necesario ultimar e publicar de maneira inmediata o Protocolo de actuación frente á situacións de violencia e acoso no servizo no fogar, ao igual que presentar e poñer a disposición das persoas traballadoras a Guía técnica para a prevención dos riscos laborais no traballo doméstico” afirma con contundencia a senadora do BNG.

Carme da Silva sinala que o sector do emprego doméstico continúa marcado pola precariedade e pola invisibilidade, cunha forte feminización e cunhas condicións laborais que, en moitos casos, seguen sen garantir dereitos básicos en materia de seguridade e saúde laboral. Neste sentido, subliña que a ausencia dun protocolo específico fronte ao acoso e a violencia e dunha guía técnica clara dificulta a aplicación real da normativa aprobada.

“O Goberno non pode permitir que unha norma que naceu para mellorar a vida das traballadoras do fogar fique a medio desenvolver” sentenza da Silva, quen reclama “celeridade e compromiso real cun colectivo historicamente esquecido”.