Parlamento Galego

BNG urxe á Xunta de Rueda a asumir a xestión do CAMF de Ferrol para rematar co estado de precariedade no que se encontra

Mon Fernández

O deputado Mon Fernández reclama que o dereito das persoas residentes debe ser un dereito superior a calquera interese partidista 

O BNG preguntou no Parlamento polo nivel de interese real e efectivo da Consellería de Política Social por facerse coa xestión do Centro de atención a persoas con discapacidade física (CAMF) de Ferrol, tendo en conta o estado de precariedade no que se encontra o centro. O deputado Mon Fernández asegurou que o dereito das persoas residentes debe ser un dereito superior a calquera interese partidista.

“O CAMF é un recurso público de máxima importancia para atender unha poboación e unhas persoas que precisan de atención e de coidados especias e que leva moito tempo en malas condicións, tanto a nivel infraestrutura como a nivel de persoal”, salientando o cadro de enfermería, apuntou.

Neste contexto xorde o debate da posibilidade lanzada polo Ministerio de Asuntos Sociais de transferir este centro á Xunta, algo que, “evidentemente, se ten que facer con garantías  e cautelas, iso ninguén o discute”, afirmou, advertindo que “é urxente que a o Goberno galego asuma a súa xestión porque a situación do centro é “desastrosa desde hai moito tempo”.

Para o deputado nacionalista, esta transferencia debería vir acompañada de recursos económicos para “garantir unha atención de calidade ás persoas usuarias sen que iso signifique restar dos orzamentos da Xunta que hoxe en día están atendendo outras demandas e servizos”, sinalou, lembrando ademais que estamos a falar de competencias que son propias do Goberno galego.

É por iso que o BNG quere saber se a Xunta de Galiza está entre as administracións autonómicas máis dilixentes á hora de asumir a xestión dos centros, porque –asegurou Fernández– “o que o que temos entendido é xusto o contrario, que a Xunta non quere saber nada, que a actitude da conselleira de Política Social é absolutamente reactiva a facerse coa xestión do centro, máis que calquera outra Comunidade Autónoma, o cal é unha moi mala noticia, unha posición inasumible e intolerable”, engadiu.

O deputado de Ferrol lembra que nos últimos dous anos e medio, o único que cambiou foi o director, pero que os problemas en infraestruturas básicas, como  tellado, a cociña ou os ascensores seguen sen amañarse.

Engadiu que seguen vixentes os problemas nas condicións de traballo, a non cobertura de vacantes, o exceso de contratación eventual, a sobrecarga de traballo e a fuga dos profesionais cara a outros centros e mesmo cara a outras administracións, ao igual que cara á sanidade privada.

Neste sentido, na iniciativa, o BNG tamén preguntaba pola opinión que lle merece á Xunta do PP a situación das instalacións e do servizo do CAMF e que pensa o Goberno de Rueda sobre o feito de que o número actual de persoas do CAMF de Ferrol sexa practicamente a metade do que potencialmente podería ser.

 

Na mesma iniciativa, o Bloque preguntaba así mesmo en que foro e en que data foi comunicada a intención do Ministerio de Asuntos sociais de efectuar a transferencia do CAMF de Ferrol á Xunta de Galiza, en cantas reunións posteriores se falou desta transferencia e que volume de recursos públicos acompañarían o traspaso.