parlamento galego

BNG urxe á Xunta de Rueda e ao Estado a deixaren de seguir usando as rías galegas como vertedoiros

Rosana Pérez
Rosana Pérez reclama frear as autorizacións das zonas E8, B e D e buscar alternativas que garantan a protección ambiental e o futuro da pesca

A responsable de Mar do BNG no Parlamento galego, Rosana Pérez, reclamoulle ao Goberno de Rueda que lle solicite ao Estado a suspensión total das autorizacións das zonas E8, B e D, correspondentes ás rías de Arousa, Pontevedra e Vigo, como puntos de vertido de materias procedentes de dragaxes.

A ambos gobernos pediulles que “deixen de seguir usando as rías galegas como vertedoiros”, e ao PP apremiouno para que lle solicite ao Goberno español a suspensión inmediata dos vertidos en caladoiros de pesca, alomenos ata que os informes conclúan que esas zonas non supoñen afectación nin para o medio ambiente nin para o sector pesqueiro”.

 “É moita hora”, apremiou, emprazando a ambas administracións a que, mentres non se suspendan os vertidos, implementen alternativas como o  tratamento en terra dos lodos extraídos para que estes non afecten aos ecosistemas das rías, á fauna e á actividade pesqueira

Na súa intervención na Comisión de Pesca, Pérez recalcou que tanto os informes do propio Ministerio de Transición Ecolóxica (Miteco) como o remitido a Portos de Galiza pola Subdirección Xeral de Biodiversidade Terrestre e Mariña explicitan os riscos ambientais ao medio mariño derivados das partículas en suspensión e o lugar final de sedimentación.

Tamén explicou os danos que poden provocar noutros lugares os vertidos durante o seu transporte, ademais da posibilidade de favorecer a propagación de especies invasoras.  En definitiva, a deputada do BNG advertiu que o que se determina nos informes é que que as novas zonas, B e D son “máis axeitadas” que a descartada E8 (na Arousa), pero que non se consideran “nin inocuos nin faltos de perigo”.

“Non era o PP o “Partido da Pesca”? preguntou, engadindo que “o “Partido da Pesca” non se deu conta de que onde Portos de Galiza e o Miteco propoñen os puntos de vertidos de dragaxe, hai caladoiros de pesca. Isto é kafkiano”, manifestou.

Criticou ademais que no informe non se avalíen ou se estuden as consecuencias socieoconómicas nin a afección aos caladoiros e á actividade pesqueira, e que “nin sequera se tivese en conta” o rexeitamento aos puntos de dragado trasladado por distintos colectivos do mar, lamentou.

Referiuse así a oposición amosada por entidades como a Organización de Produtores de Pesca do Porto de Marín (a OPP-08 Opromar) á zona B, na ría de Pontevedra, debido aos graves prexuízos que lles  causaría á súa actividade pesqueira. Segundo indicou, a zona coincide cunha praia de traballo diaria, cuestión que, “non se tivo en conta á hora de avaliar a ubicación dos puntos de vertido”.

Así mesmo, afirmou que a zona D, situada fronte á ría de Vigo, localízase xusto a partir da profundidade mínima onde a modalidade do arrastre pode operar.

O PP votou en contra desta iniciativa, malia que, tal e como lembrou a deputada nacionalista, en 2019 acordouse por unanimidade no Parlamento unha iniciativa para ter unha proposta alternativa para o depósito dos lodos, de tal forma que se garantan que estes non afectarán ás rías galegas. “Foi á papeleira, pero non á de reciclaxe, senón á definitiva”, censurou Pérez.