BNG urxe á Xunta a rematar a recuperación dos terreos queimados polo lume en Ribas de Sil, Quiroga e A Pobra do Brollón

Carme Aira
Carme Aira
Carme Aira reprocha ao Goberno galego que careza dun modelo de ordenación dos montes, de vital importancia na prevención de incendios

BNG urxiu á Xunta no Parlamento galego a rematar a recuperación dos solos queimados polo gran incendio que afectou en setembro aos concellos de Ribas de Sil, Quiroga e Pobra do Brollón, unha recuperación que, segundo a deputada nacionalista Carme Aira, “debe ir máis alá do mulching, xa que os danos provocados polos lumes van máis alá de deixar exposto o solo á erosión e ás escorrentías, senón que tamén se dá a perda de moitos microorganismos que teñen unha función fundamental no crecemento e desenvolvemento das plantas ou a perda da estrutura física de solo que precisan intervención”.

Nunha pregunta na comisión parlamentaria de Agricultura, Aira explicou na Cámara que nas ladeiras de cara ao río Sil e río Lor botouse palla “de xeito meramente testemuñal” e na zona 0 do incendio “levouse a cabo unha plantación de arboredo tamén testemuñal en comparanza coa superficie queimada”. Así pois, interpelou ao Goberno galego polas accións desenvolvidas ata o momento e os resultados acadados, sobre a planificación para a reforestación e se se analizou a mortaldade de peixes e outros danos causados nos ríos Sil e Lor, ademais de cuestionar que a cobertura dos solos levadas a cabo sexa suficiente.

Neste sentido, instou ao Executivo galego a, logo da cobertura do solo calcinado, sementar herbáceas e cubrilo con palla ou herba que reteña os materiais inertes produto do lume para evitar o dano da erosión e do depósito de cinzas no leito de ámbolos dous ríos, ao tempo que avogou por unha reforestación con árbores autóctonas que actúen de cortalumes e garantan que no futuro non ocorra algo similar ao que sucede ano tras ano.

E é que para a tamén portavoz nacionalista de Desenvolvemento Rural e PAC, “o quid da cuestión está na prevención dos lumes e, para iso, hai que ordenar correctamente o territorio” e, nesta liña, reprobou o actual modelo forestal do Goberno do PP, baseado na masificación de especies pirófitas que favorece a multiplicación da superficie queimada como, segundo recalcou, “foi neste caso, no que chegou a superar as 1.600 hectáreas queimadas de sur a norte, poñendo en perigo varios núcleos de poboación”.

“A ausencia de políticas da Xunta en canto á prevención efectiva de incendios denótase por unha falta clara de modelo de ordenación dos nosos montes”, incidiu, para a continuación advertir que as mesmas políticas de prevención que durante anos se manifestas pouco útiles abocan, por unha banda, a “confiar na climatoloxía e na vexetación autóctona para deter o lume, tal e como aconteceu neste incendio” e, por outra, “a ter que poñer empeño na recuperación dos solos, da biodiversidade e da vexetación”.

Logo de pedir información detallada sobre o destino da axuda de 500.000 euros concedida polo Ministerio para a Transición Ecolóxica para a recuperación dos solos queimados neste incendio, Aira alertou que este outono chuvioso foi extremadamente prexudicial para os solos afectados “e aínda máis para os ríos, polo arrastre de cinsas cara eles, o que provoca a eutrofización das augas causando a morte dos peixes que, no caso do río Lor, afectará ás troitas”. Neste sentido, advertiu que cunha soa tormenta na zona, chega para que a terra escorra e reprochou ao Goberno galego que “o feito de que fora un outono seco ou húmido non será o que teña que modular se se intervén ou non; porque ata agora puido ser seco e a partir de agora pode chover seguido”.

Por último, a deputada do BNG considerou “bastante nula” a coordinación entre administracións dado que, “se ben o conselleiro se puxo en contacto cos alcaldes no momento do incendio, agora mesmo non teñen coñecemento das intervencións que se están a realizar no seu propio monte” e, nesta liña, pediu tamén que a Xunta acompañe ás comunidades de montes “neste traballo de recuperación de solos e de vexetación”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG