parlamento galego

BNG urxe á Xunta a poñer en marcha un Plan integral para o desenvolvemento económico e social de Ourense

Iago Tabarés
Iago Tabarés
Iago Tabarés alerta da “sangría demográfica” e  perda de emprego pola “inoperancia” do Partido popular,  Xunta,  Deputación ,  Administración do Estado e unha  "xestión letal" do alcalde de Ourense sostido polo PP

O deputado do BNG, Iago Tabarés urxiu á Xunta a poñer en marcha un Plan integral para frear a  involución económica e social da provincia de  Ourense. Para o nacionalista, a perda de habitantes e postos de traballo é “alarmante” e considerou que as  políticas  da Xunta, a Deputación, a Administración do Estado así como a  “letal xestión do alcalde” da cidade de Ourense, sostido polo Partido popular, resultan  “un lastre” para que Ourense despegue social e economicamente.

Na súa intervención, Tabarés salientou que  en 80 anos, Ourense perdeu un 30% da súa poboación, “no ano 1950 contaba con 467.000 habitantes e hoxe apenas supera os 300.000”, seguindo unha evolución contraria á nacional e estatal que viron incrementar notablemente a súa poboación neste período.

“A involución demográfica no que vai de século é especialmente grave”, recalcou o parlamentario do BNG, porque  a redución de poboación se produciu en  menores de 35 anos, que pasaron de ser case 119.000 en 2001 a 79.000 no ano 2021. “E dende que Feijóo tomou posesión, máis de 54.000 ourensáns víronse obrigados a abandonar Galiza” e 20.000 fóra do Estado.

Por outra banda, engadiu que na actualidade Ourense é  a demarcación provincial de todo estado “coa taxa de actividade máis baixa”, sendo a única cunha taxa inferior ao 50%, segundo o paro rexistrado. Este dato do mes de Marzo de 2023 reflicte que, xunto a Madrid, Ourense é a única demarcación provincial na que o desemprego aumenta. En Ourense, recalcou Tabarés, “ non se crea emprego”.

Os datos son aínda máis preocupantes, dixo o nacionalista,  se nos remontamos ao inicio do goberno de Núñez Feijóo cando Ourense contaba con case 20.000 traballadores máis que a día de hoxe. Na industria, 10.900 traballadores máis, e na  agricultura un número de persoas tres veces superior ao actual.

Por outra parte, “o número  de pensionistas case iguala ao de ocupados” coa agravante de contra coas pensión máis baixas de todo o estado.

A Xunta non executa o orzamento en políticas de emprego

Tras a intervención da directora xeral de Formación para o emprego e Orientación, Celtia Lago Lago, o deputado afirmou que “a falta de execución” dos orzamentos constata “a falta  de  proxectos  da Xunta” e a Consellería de  Emprego e Igualdade  e a  “segunda consellaría cun menor grado de execución orzamentaria, executando só o 57% dos créditos dispoñíbeis e deixando sen executar máis de 232 M€”.

No programa de mellora e fomento da empregabilidade “apenas se executou un 41,16%, (65M€ sen executar), en  Formación profesional para desempregados un 42,98% ((82M€) e en Formación profesional para ocupados, 45,95%, (11millóns de euros)”

O deputado criticou a que a Xunta exixira a presentación telemática para acceder ás axudas a persoas autónomas xa que existen grandes problemas de conexión a internet en toda a provincia e preguntou se o goberno galego considera que ese sistema é o máis acaído para favorecer o equilibrio territorial e que as persoas autónomas poidan concorrer en igualdade de condicións.

 Ademais, tamén fixo fincapé nos datos da  Federación galega de industrias inmobiliarias do ano  2022  nos que o numero de baixos sen actividade medrou en 400, chegando á cifra de 2.525, cifra superior  a da  Coruña (2.350),  Pontevedra (1.925) ou Lugo (375).

Para o deputado, as vías de comunicación continúan sendo un grave problema para xerar emprego e nesta liña lembrou que  a conexión  viaria entre denominada a Mezquita – fronteira portuguesa, non chegue ate a fronteira portuguesa porque remata en Celanova. Esta vía, sinalou, contribuiría en grande medida ao desenvolvemento económico e industrial de Ourense ao igual que a conexión da A-52 de San Cibrao co polígono axilizando o tránsito de mercadorías.

Tabarés fíxose eco das demandas sociais de Ourense sobre a necesidade de establecer  a estación ferroviaria de mercadorías en San Cibrao para intensificar a actividade mercantil das empresas, demandas ás que sumou a conexión con Lugo e Valdeorras.

Tras enumerar as grandes eivas que impiden que Ourense recupere o impulso económico, industrial e social, o nacionalista  volveu a urxir á Xunta  a poñer en marcha “un Plan integral”. Pola súa parte, a directora xeral de Formación para o emprego e Orientación, Celtia Lago Lago non anunciou ningún compromiso sobre a execución dos orzamentos nin a intención da Xunta de  atender a reclamación formulada polo deputado do BNG

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG