BNG urxe rexeitar os proxectos eólicos Nordés e Mistral

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego demanda rexeitar a solicitude de autorización dos dous proxectos e da infraestrutura de evacuación que propoñen que incluiría a construción dunha subestación eléctrica en Abegondo aínda sen autorizar.

A organización frentista reclama unha planificación coordinada para a implantación de novos proxectos eólicos no País que respecte o medio natural, xere riqueza no territorio e non afecte negativamente ás condicións de vida dos galegos e galegas.

BNG urxe rexeitar os proxectos eólicos Nordés e Mistral

BNG reclama no Congreso que o Goberno do Estado resolva negativamente o Estudo de Impacto Ambiental e a solicitude de Autorización Administrativa Previa do Parque Eólico Mistral, así como a súa infraestrutura de evacuación en Lugo, e do Parque Eólico Nordés, e a propia que afecta á Coruña e Lugo. O deputado do BNG, Néstor Rego, demanda unha planificación coordinada entre executivo estatal e galego, respectando as competencias propias da Xunta de Galiza.

En outubro publicábase a solicitude de Autorización Administrativa Previa do Parque Eólico Mistral de 100 MW- incluída a súa infraestrutura de evacuación- en Lugo, así como do Parque Eólico Nordés de 67,2 MW e a súa evacuación que afectaría a Lugo e A Coruña. Esta solicitude de autorización para a implantación destes novos proxecto vén sumarse aos centos de proxectos que solicitaron implantarse na xeografía galega.

“A caótica e lesiva proliferación de parques eólicos na Galiza evidencia unha falta de planificación enerxética e, de non pórlle freo, suporá a invasión de terreos protexidos e zonas de especial protección, e acabarán situados a escasos metros de vivendas e núcleos de poboación” denuncia o deputado do BNG. De facto, a meirande parte dos proxectos afectan a zonas que non están contempladas no actual plan eólico da Galiza -plan que ficou totalmente obsoleto- e tramítanse, ademais en moitos casos, como proxectos fragmentados de maneira fraudulenta para evitar que se lle apliquen normas de control máis severas. “A Galiza é xa, no momento actual, produtora excedentaria de enerxía procedente de fontes renovábeis, a implantación de máis parques só sirve para incrementar o expolio dos nosos recursos sen recibir beneficio a cambio” destaca Néstor Rego. “Debe apostarse por pequenos proxectos de proximidade, que respecten o medio ambiente, os núcleos de poboación e xeren riqueza no territorio onde se implantan” segue expoñendo, “mais o modelo de macroparques que queren impoñer non é aceptábel”. Ademais a frente segue a defender, para compensar os custos ambientais da produción e exportación, a necesitade dunha Tarifa Eléctrica Galega.

No que ten haber cos proxectos eólicos Nordés e Mistral, cabe destacar que se atopan situados fora das citadas áreas de desenvolvemento eólico (ADEs) contempladas no Plan Sectorial Eólico da Galiza. “A autorización destes parques polo Ministerio incumpriría a normativa autonómica relativa á zonificación do Plan Sectorial Eólico, pois ao  tratarse  dunha normativa de ordenación  do territorio, competencia o executivo galego, o informe da Xunta é vinculante” enfatiza o deputado do BNG. Todo iso fai que o parque eólico proposto sexa inviábel desde o punto de vista legal.

Esta inviabilidade afectaría tamén á “subestación  eléctrica  de Abegondo”. No ano 2016,  foi  publicado  o  proxecto  denominado “Subestación eléctrica de Abegondo 400/220  kV”, porén, aínda que fora sometido a consulta das distintas Administracións Públicas afectadas e das    persoas  interesadas, para a elaboración do documento de alcance do estudo de impacto  ambiental, o proceso quedou paralizado nese punto,  sen que  chegase a publicarse o estudo de impacto ambiental nin a solicitude  de autorización administrativa. “Chama a atención que se inclúa esta subestación no proxecto cando, debido á paralización do procedemento, descoñécese o seu emprazamento definitivo, a súa viabilidade e excutividade, sendo a promotora a que escolle unha das tres propostas alternativas reflectidas no documento inicial que fora presentado por REE pero cuxos trámites non chegaron nunca a rematarse” resalta o deputado Néstor Rego.

“Así mesmo, estamos novamente ante un estudo incompleto pois non recolle referencia algunha á preexistencia da  LAT de 400  Kv que conecta a central térmica das Pontes de García Rodríguez  coa estación  do  Mesón do Vento no termo municipal de Ordes” subliña o BNG. A infraestrutura de evacuación do parque eólico  Nordés coincide en varios tramos coa citada liña e chega a cruzarse en diversas ocasións coa xa existente cuestión que se ignora no proxecto, o que pon en dúbida a viabilidade do novo trazado.

A implantación destes proxectos terá un gran impacto no medio ambiente, en particular, na flora e a fauna. “Veríanse afectadas de forma severa os hábitats dun total de 194 especies de vertebrados inventariadas, catro peixes continentais, trece anfibios, oito réptiles, vinte e seis mamíferos e ata 143 especies de aves” enumera o deputado, Néstor Rego.

“Debe destacarse a proximidade  tanto dos  parques  eólicos  como das súas liñas de evacuación a distintos núcleos de poboación que se sitúan a menos a menos de 200 metros de distintas vivendas illadas, co que se estaría incumprindo claramente a normativa relativa ás distancias mínimas  a vivendas” afirma Rego. Todos  os  estudos  determinan claramente a incidencia negativa e de intensidade media dos parques eólicos sobre  a  poboación  próxima,  producíndose  contaminación  acústica   e  luminosa. “Representan un grave prexuízo para o benestar e a saúde dos habitantes residentes nas proximidades aos parques e liñas de evacuación, pero tamén para o valor patrimonial dos inmóbeis que habitan e para  as súas actividades  económica” destaca o deputado nacionalista “todo iso terá, en consecuencia, repercusións negativas para a fixación de poboación e o fomento do emprendemento no medio rural”.

BNG urxe rexeitar os proxectos eólicos Nordés e Mistral