BNG urxe rematar a declaración da cheminea das Pontes como BIC e ampliar a protección a outras instalacións da central térmica
Golpe acusa a Xunta de “mirar para outro lado” dilatando o proceso e permitindo voaduras no recinto dunha estrutura que é de “récord Guinness”
A alternativa do Bloque pasa por instalar na vella central un centro de I+D+i sobre almacenamento enerxético e un museo galego da electricidade
O portavoz de Enerxía do BNG, Xosé Manuel Golpe, defendeu no Parlamento unha iniciativa para urxir á Xunta a rematar a declaración da cheminea da vella central térmica das Pontes como Ben de Interese Cultural (BIC) e para ampliala a outras instalacións, polo seu valor patrimonial e para albergar no futuro un centro de I+D+i de almacenamento enerxético ou un museo galego de electricidade.
A iniciativa foi rexeitada polo PP, malia presentala Golpe como unha oportunidade non só de conservación do patrimonio industrial, senón tamén para contribuír á recuperación económica e social dunha comarca á que non dan chegado os proxectos industrias prometidos dentro do proceso de transición xusta.
O deputado nacionalista acusou o PP de “mirar para outro lado” e dilatar o peche de declaración como BIC da cheminea que, destacou, é un símbolo industrial e da memoria obreira e, ademais, unha infraestrutura de “récord Guiness”, pois é “a máis voluminosa do mundo”. “Se isto estivese en Estado Unidos, xa terían un cartel á entrada animando á xente a visitalo”, asegurou.
Xunto á demora dun expediente que xa conta con tres informes favorables, Xosé Manuel Golpe criticou a “ameza real” que existe sobre a propio BIC. Explicou, neste punto, que malia que Endesa xa está acometendo a derruba da centra térmica Das Pontes, non houbo por parte da Administración galega ningunha inspección de oficio para comprobar o estado da cheminea, dentro do perímetro afectado. “Iniciaron o expediente ser ver o estado da infraestrutura, só utilizando o Google Maps, sen poñer un pé no terreo”, censurou.
O risco aumentará agora porque en breve, advertiu, comezarán as voaduras, tamén a carón da cheminea e a 150 metros, precisou, dalgunhas casas propiedade de veciños que aínda non foron informados.
Respecto da ampliación da protección como BIC de outros elementos da vella central térmica, o deputado da comarca subliñou a “enorme utilidade” que podería ter para a investigación en co combustión e en almacenamento enerxético, nomeadamente no plano térmico. De feito, a alternativa do BNG inclúe a localización nas instalacións que non se derruben dun centro de I+D+i de almacenamento enerxético e do museo galego da electricidade.
“As Pontes é un concello no que hai unha singularidade única de unidades de xeración eléctrica con diversas fontes renovables, hidráulica, biomasa, fotovoltaica, eólica...”, salientou Golpe, que tamén aludiu o valor do arquivo e do fondo fotográfico que garda Endesa, depositaria da antiga Encasa, de industrias Calvo Sotelo.
Xosé Manuel Golpe apelou non só á responsabilidade da Administración para a conservación do patrimonio industrial de As Pontes senón tamén á da propia Endesa que, advertiu, non pode seguir a máxima de “colle o carbón e corre”.
Tal e como vén denunciando tamén a Asociación para a Defensa do Patrimonio Industrial das Pontes, condenou así o derrubo do parque de carbóns, que constituía un dos maiores recintos cubertos diáfanos de Europa, unha peza singular da arquitectura industrial e unha icona da industria galega tanto pola súa escala como pola solución estrutural da cuberta. “É unha perda irreparábel para a memoria industrial do concello” que se fixo posible grazas á inacción e complicidade institucional, considerou.
Golpe concluíu a súa intervención reclamando o Goberno do PP na Xunta que escoite á asociación pontesa que, malia solicitalo, non foi recibida nin pola anterior directora xeral de Patrimonio nin polo seu sucesor no cargo, Ángel Miramontes.