BNG urxe unha reforma integral para mellorar a seguranza viaria da N-550 ao seu paso por Ordes
Néstor Rego reclama a Transportes acometer a reforma da estrada, atender as demandas veciñais e instalar medidas de protección e prevención
A organización nacionalista fai especial fincapé na creación dun carril central na parroquia de Pereira e vías de servizo en Canedo, A Piolla e Axás
O Bloque Nacionalsita Galego (BNG) avanza o rexistro de iniciativas nas Cortes do Estado para que o Goberno leve a cabo actuacións de mellora na N-550 ao seu paso polo termo municipal de Ordes. O deputado do BNG, Néstor Rego, traslada a necesidade de que o Ministerio de Transportes atenda as demandas veciñais e mellore tanto a seguranza viaria e o firme da estrada propiedade do executivo estatal.
Durante a visita ao concello de Ordes, o deputado nacionalista estivo acompañado polo grupo municipal do BNG liderado por Pablo Vidal, a responsábel comarcal da organización, Elvira Cienfuegos, e a deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Iria Carreira.
“O Ministerio debe atender as demandas veciñais que lle foron achegadas a través dos pregos de sinaturas e iniciar, canto antes, as necesarias melloras do tramo da N-550 ao seu paso polo concello de Ordes” reivindica o deputado do BNG no Congreso. Os distintos problemas que posúe esta estrada, explica Rego, precisan dunha atención inmediata por parte de Transportes, polo que a organización nacionalista decide levar ao Congreso estas demandas.
Entre as actuacións máis urxentes, destaca o deputado do BNG, é preciso analizar as alternativas posíbeis para lograr unha incorporación segura á N-550 desde a parroquia de Pereira. “Entre as opcións más factíbeis atópase a creación dun novo carril, aproveitando a zona xa expropiada, mais tamén existen outras medidas que permitan minimizar o risco, como a creación dun carril central para efectuar xiros á esquerda ou mesmo a instalación dunha rotonda” destaca Rego.
Do mesmo xeito, a formación nacionalista require facilitar o cruzamento da vía entre os núcleos de Moscoso e A Reboira a través da habilitación dun paso subterráneo e a posibilidade de efectuar cambios de sentido.
Por outra parte, o BNG urxe o Ministerio a acometer a reforma da N-550 no lugar da igrexa na parroquia de Montaos co obxectivo de impedir a acumulación de augas pluviais que dificultan o tránsito. “É necesario instalar medidas de protección para impedir caídas ou saídas de vía no desnivel entre a vía de servizo e a cuneta” engade o deputado.
“O Ministerio debe realizar unha revisión dos actuais límites de velocidade e axustalos cando for posíbel e preciso, especialmente en puntos onde existen vivendas próximos á estrada como, por exemplo, na zona de Axás” sinala Rego.
Por último, mais non menos importante, a veciñanza demanda iniciar as actuacións para abrir novas vías de servizo nos tramos en que aínda non existen para contribuír así á mellora da seguranza viaria, como son os do canedo, A Piolla ou Axás.