BNG urxe Ministerio de Xustiza a garantir que a entrada en funcionamento de ATENEA sexa tamén en galego
Néstor Rego sinala que a nova ferramenta de xestión procesual, que entrará en vigor o 1 de xaneiro, debe garantir a súa operatividade en todas as linguas oficiais
Urxe a Goberno do Estado e Xunta de Galiza a levar a cabo todas as medidas precisas para garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía no acceso á xustiza
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama ao Goberno do Estado celeridade e compromiso para que a entrada da nova aplicación xudicial ATENEA estea tamén dispoñíbel en galego e no resto de linguas oficiais do Estado. A organización nacionalista alerta que, coa posta en funcionamento o vindeiro 1 de xaneiro, Xunta de Galiza e Goberno do Estado deben colaborar e axilizar que a aplicación garanta os dereitos lingüísticos da cidadanía no acceso á xustiza.
En respostas do Goberno do Estado a preguntas formuladas polo BNG sobre esta cuestión, o executivo estatal mostraba a súa dispoñibilidade para que o nacemento de ATENEA, a nova aplicación informática da xustiza, fose tamén en galego. Así mesmo, sinalaba que por parte da Xunta -administración con competencias en materia de xustiza- debería haber tamén implicación e compromiso para a normalización do galego na Administración da Xustiza.
“Tanto Goberno do Estado como Xunta de Galiza deben colaborar e adoptar as medidas precisas que garantan que, no momento da implantación do novo sistema de xestión procesual ATENEA, estea plenamente operativa en galego e garantir así os dereitos lingüísticos da cidadanía no acceso á xustiza” demanda o deputado do BNG no Congreso.
Pasar das palabras e as promesas aos feitos e a accións, reclama Néstor Rego nun comunicado, para facer efectiva a Carta Europea das Linguas que o Estado español asinou en 2001 para asegurar o recoñecemento e equiparación de dereitos das distintas linguas oficiais por parte dos poderes do Estado, así como garantir o dereito das persoas a utilizalas plenamente na vida privada e pública.
Néstor Rego lembra que, ademais do traballo que vén desenvolvemento o BNG para que o ámbito xudicial garanta os dereitos lingüísticos, a Irmandade Xurídica Galega ten interpelado a ambas administracións -tanto á Xunta da Galiza e a súa Consellaría de Xustiza como ao propio Ministerio de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes- para reclamar, tamén, que se asegure que a nova aplicación informática nace coas ferramentas que permitan o seu pleno uso en galego.