BNG urxe a limpeza efectiva das vías ferroviarias e estradas para a prevención dos lumes forestais na Galiza

A Mariña
A Mariña

O deputado do BNG exixe ao Ministerio de Transportes que cumpra os plans de prevención e compense os gastos e perdas polos lumes orixinados pola ausencia de mantemento nas infraestruturas de titularidade estatal

Néstor Rego recrimina o “modelo esgotado” da Xunta de Galiza para a loita contra os lumes e aposta por unha maior prevención durante os meses non estivais

O BNG vén de rexistrar no Congreso, da man do seu deputado, Néstor Rego, iniciativas para que o Goberno do Estado e, en especial, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana cumpran os plans de prevención de incendios e garantir a limpeza das vías de ferrocarril e ao redor das estradas  para que queden libres de maleza. A formación nacionalista quere que se manteñan as medidas de seguranza viaria e evitar a propagación dos lumes. Así mesmo, demanda compensar os gastos e perdas materiais polos lumes que fosen orixinados pola falta de mantemento das marxes destas infraestruturas.

O verán galego de 2021 estivo caracterizado polas baixas temperaturas e a pluviosidade polo que o número de lumes foi máis reducido que en anos anteriores, afectando a unha menor superficie. O lume declarado en Sobradelo foi un dos que maior extensión alcanzou, con preto de 200 hectáreas arrasadas, que supuxo un custo polos traballos de extinción de máis de 326.000€, mais que se podía ter evitado cunha adecuada política preventiva de limpeza.

“O BNG considera que os traballos de prevención son determinantes para minimizar os seus efectos” explica o deputado do BNG. Por iso, reclama ao Goberno do Estado que cumpra coa súa obriga de manter limpas as infraestruturas da súa titularidade, a comezar polas liñas de ferrocarril e as franxas ao redor das estradas. “Son medidas de prevención para evitar a propagación dos lumes mais tamén medidas adecuadas de seguranza viaria” destaca Rego.

Mais o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana está a realizar a limpeza moi tarde, “de maneira lenta e parcial ou directamente non se fai, o cal supón un grave risco para a propagación dos lumes”. En moitos casos, a maleza invade as beiravías e dificulta a visión e mesmo só se realizan os traballos de limpeza a 2 metros da marxes. Así mesmo, aplícase en moitos casos glisofato, produto que mata de raíz toda a vexetación e con gran poder contaminante que remata nos leitos de auga.

“ADIF presentou un plan de prevención de incendios para 2021-2022 mais no lume de Sobradelos, onde as causas que provocaron o a destrución de 200 hectáreas foi unha faísca da  catenaria ao seu paso por ese lugar que prendeu na broza seca que rodea a vía, constátase que non existe un compromiso real por parte do Ministerio” enfatiza Rego.

Máis alá disto, a formación nacionalista tamén reclama ao executivo estatal que inicie as xestións para compensar os gastos e perdas materiais ocasionadas, tanto a entidades públicas como privadas e particulares, polos lumes que se demostre que foron orixinados pola falta dun adecuado mantemento das marxes das liñas ferroviarias ou nas estradas.

Modelo esgotado para a loita contra os lumes

“Constátase un ano máis que o modelo da Xunta de Galiza non mudou e continúa a basearse na confianza climatolóxica con única labor para a prevención dos lumes. O PP segue a combinar a súa pasividade durante os meses de outono e inverno e a macromobilización de efectivos durante a temporada de lumes” salienta Rego. Sinala tamén a pouca efectividade desta táctica e a ausencia de políticas preventivas como a limpeza dos montes para erradicar o impacto dos lumes.

En opinión do deputado nacionalista, débese lograr unha masa forestal produtiva que “promova a diversificación de especies, primando especies autóctonas de folla caduca, non  pirófitas, que axudarían a evitar a extensión dos incendios”. Mais isto ten que ir acompañado polos labores de limpeza, eliminando o exceso de biomasa acumulada que coas altas temperaturas do verán convértese no caldo de cultivo perfecto, servindo de alimento ás chamas no seu avance.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG