BNG urxe liberar os terreos ocupados ilegalmente polo Estado e a Xunta na Xunqueira de Alba

Instalacións do Estado en Xunqueira de Alba

Néstor Rego exixe a restauración e rehabilitación do espazo para crear unha zona verde con gran interese do punto de vista ambiental

Luis Bará chama a “pór fin a este atentado ambiental e á vulneración da lei”

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denuncia a ocupación ilegal na Xunqueira de Alba, en Pontevedra, por parte do Goberno do Estado e a Xunta de Galiza desde 2018. A organización nacionalista reclama a reposición dos terreos ante a degradación medioambiental sufrida ao longo destes anos como solución inmediata ante a vulneración da lei por parte das dúas institucións. O deputado no Parlamento de Galiza avanza novas iniciativas na cámara galega e estatal para pór fin ao atentado ambiental.

A resposta do Goberno do Estado a preguntas realizadas polo BNG deixa “negro sobre branco” que o executivo estatal e a Administración galega están ocupando de maneira ilegal os terreos de dominio público marítimo terrestre. As concesións outorgadas remataron o 29 de xullo de 2018. É dicir, ambas administracións levan case catro anos ocupando os terreos de maneira ilegal e sen ter unha alternativa ocupacional para trasladar a actividade que alí se realiza.

Por unha banda, existe edificios do Estado onde se atopa a Dirección Xeral de Tráfico e a Dirección Xeral de Costas. Pola súa parte, a Xunta de Galiza con edificios que dan cabida á Axencia Galega de Infraestruturas e a Consellería de Medio Ambiente.

“A Xunqueira de Alba é un espazo natural de gran valor ambiental, formado por terreos de dominio público marítimo terrestre” explica o deputado nacionalista no Congreso. Rego, tras a resposta do executivo estatal, urxe a liberar canto antes os terreos da Xunqueira de Alba e destinalos á creación “dunha gran zona verde arborada que sexa de gran interese do punto de vista ambiental e con potenciais usos recreativos de ocio en coordinación e colaboración coas distintas administracións implicadas”.

O espazo, declarado ENIL (Espazo Natural de Interese Local), ten grandes potencialidades se as administracións “trasladan a outros emprazamentos as edificacións que hoxe alí se ubican”. Esta liberación permitiría restaurar e rehabilitar o espazo destruído e degradado “tal e como declara o propio Ministerio para a Transición Ecolóxica como prioritario a conservación e o uso racional dos humidais”.

“A Deputación, que ocupaba parte dos terreos, xa puxo en marcha un plan para rexenerar estes espazos. Resulta paradóxico que tanto o Goberno do Estado como a Xunta, que deberían dar exemplo, manteñan unha situación de degradación e ilegalidade” apunta Luis Bará.

O deputado no Parlamento de Galiza apuntou a que estamos diante dun feito de enorme gravidade ao que se lle debe dar unha solución inmediata e avanza que intensificarán a presión en todos os ámbitos para “pór fin a este atentado ambiental e á vulneración da lei”. Alén do máis, Bará demanda un Plan de traslado das instalacións nas proximidades da cidade de Pontevedra.