BNG urxe o Goberno do Estado a reparar e mellorar a N-120 e N-559 polo deterioro sufrido co feche do túnel do Folgoso

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego reclama ao Ministerio de Transportes que acometa un novo proxecto para a construción dunha ligazón da A-52 á altura de Lentille

A formación nacionalista rexistra iniciativas para lograr unha mellor seguranza viaria para a veciñanza da Lamela

BNG rexistra iniciativas no Congreso para que o Goberno do Estado acometa as obras de reparación e mellora da N-120 e a N-559 após o grave deterioro causado polo feche do túnel do Folgoso ao ser a única vía alternativa. Así mesmo, o deputado do BNG reclama incluír o acondicionamento do firme e prever a instalación de rotondas na zona urbana da Lamosa, así como realizar unha nova ligazón coa autovía A-52 en Lentille, dirección Ourense.

O feche do túnel do Folgoso durante meses, polo incendio dun vehículo de gran peso no seu interior e danando gravemente a súa estrutura, provocou que tanto vehículos de particulares como camións empregasen como vía alternativa as estradas N-120 e N-559. Mais esta non é a primeira vez que o tráfico pesado transita por estas autoestradas e, con total seguridade, tampouco será a última polas obras de mantemento ou outras incidencias que poden acontecer no túnel.

“A veciñanza de Paraños e A Lamosa debe soportar as molestias dos ruídos e vibracións do continuo transporte pesado. Así mesmo, provoca inseguridade viaria sobre todo para peóns que deben atravesar a estrada” explica o deputado do BNG no Congreso. Por todos estes factores, para Néstor Rego “é prioritario que se acometan o máis pronto posíbel as obras de mellora nesa vía, para o que é imprescindíbel un bo asfalto que elimine as fochancas e fochas, e mesmo renovar os sinais viarios que deben ter reflectores en bo estado así como a reparación dos pasos canadenses”.

Por outra banda, a formación nacionalista tamén ve necesario prever a instalación de rotondas na zona urbana da Lamosa, para permitir “unha incorporación fluída do tráfico e aumentar a seguridade do peóns coa instalacións de semáforos de pulsar, pasos de peóns e bandas redutoras de velocidade”. O obxectivo destas obras é mellorar a seguranza viaria da parroquia nos momentos en que se desvía por esta vía o tráfico pesado da A-52.

“Outra das reivindicacións desta comarca e que no seu momento foi apoiada polo Ministerio de Fomento é a construción dunha nova ligazón coa autovía A-52 en Lentille, dirección Ourense, o que evitaría que a veciñanza do Condado e a de Paradanta recorresen 20 quilómetros en dirección contraria até chegar a ligazón da Cañiza” explica Néstor Rego. Por este motivo, nas iniciativas rexistradas, inclúe que o Goberno do Estado e, en concreto, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana realice o necesario proxecto para a construción deste enlace.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG