BNG urxe o Goberno do Estado a axilizar a desafectación das “Naves de Ojea” en Cangas

Néstor Rego, nun momento da visita

Néstor Rego visita a localidade e reclama que o espazo se recupere para uso público para que toda a veciñanza se poida beneficiar

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra iniciativas na cámara baixa para urxir o Goberno do Estado a axilizar e acelerar os trámites do expediente para a desafectación das “Naves de Ojea” en Cangas e a súa cesión ao Concello co obxectivo de recuperar e rehabilitar esta zona. A formación nacionalista demanda que este espazo teña un uso de carácter público, seguro e en beneficio dos veciños e veciñas da localidade do Morrazo.

As coñecidas “Naves de Ojea” estiveron ocupadas desde comezos do século XX até 2018, ano en que as derradeiras naves de conserveiras remataron a súa concesión e o Estado decidiu non concederlle unha prórroga. Na actualidade, este espazo de máis de 30.000 metros cadrados de extensión, incluídos no dominio público marítimo terrestre, atópase abandonado e a estrutura das naves está gravemente deteriorada. Mesmo a zona que se habilitou como heliporto, para permitir a aterraxe de helicópteros en caso de emerxencia, atópase completamente inutilizada polo levantamento do firme e o afundimento da zona pola acción do mar.

“O proxecto para a desafectación deste espazo, iniciado en 2015, segue pendente despois de que o Concello iniciase os trámites para que a Demarcación de Costas cedese ese terreo e o expediente segue pendente do informe do Ministerio de Facenda” explica o deputado do BNG. Por este motivo, a organización nacionalista quere coñecer en que fase se atopa actualmente dito expediente e reclama que se acelere todo o posíbel a tramitación e permita que os traballos de recuperación e rehabilitación dean comezo canto antes. “A situación de grave deterioro e o perigo de derrube aumentan co paso do tempo polo que é preciso e urxente axilizar os trámites que permitan destinar esta zona para un uso público, seguro e en beneficio de toda a veciñanza” asevera Rego.

A zona, que comprende parte do mercado municipal de Cangas, o espazo verde dos Xardíns do Sinal e as chamadas “Naves de Ojea”, foi obxecto de varios acordos plenarios adoptados por unanimidade para lograr a súa desafectación e foron trasladados ao Goberno do Estado. Mesmo en 2018, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio informou favorabelmente o expediente indicando que a desafectación do dominio público marítimo terrestre está prevista, entre outros supostos, para “terreos deslindados como praias, cantís ou zona marítimo terrestre” co que a Xunta de Galiza confirmaba que a zona de Cangas reunía as condicións para a desafectación. “Os veciños e veciñas de Cangas levan anos reclamando ao Estado a desafectación desta extensión. É hora de axilizar todo o proceso e permitir que este espazo, en pleno centro de Cangas, poida ser desfrutado pola veciñanza” enfatiza Rego.