BNG urxe o Goberno a depurar responsabilidades polos lumes provocados por un tren de mercadorías

Carme da Silva

Carme da Silva Méndez demanda explicacións sobre o corte da liña convencional entre Ourense e O Irixo e demanda un plan de mantemento e prevención das marxes da vía

Reclama identificar a empresa responsábel, explicar por que se repetiu o episodio acontecido o pasado verán e adoptar medidas inmediatas para evitar novos lumes

O BNG reclama ao Goberno do Estado explicacións e responsabilidades polo corte da liña ferroviaria convencional entre Ourense e O Irixo, despois de que o paso dun tren de mercadorías provocase, presuntamente, até oito incendios forestais ao longo do trazado ferroviario entre Ourense e Maside.

A consecuencia destes lumes foi a interrupción da circulación ferroviaria e a cancelación de cinco servizos con orixe e destino no Carballiño e Santiago, obrigando ao transbordo das persoas viaxeiras por estrada mentres un amplo operativo terrestre e aéreo traballaba na extinción dos incendios.

Para a senadora do BNG, Carme da Silva, o sucedido "é un feito de enorme gravidade que non pode despacharse como un incidente puntual". "Estamos ante un episodio que xa se produciu o pasado ano e que evidencia que non se adoptaron as medidas necesarias para evitar que volvese repetirse" denuncia.

A formación nacionalista demanda que ADIF e o Ministerio de Transportes esclarezan con total transparencia as causas do sucedido, confirmen se os incendios foron provocados polas chispas desprendidas dun tren de mercadorías e identifiquen tanto o tren como a empresa operadora responsábel.

"Se xa existía un precedente practicamente idéntico, o lóxico era reforzar as medidas preventivas e extremar a vixilancia. O que non pode ocorrer é que un ano despois volvamos vivir a mesma situación, con risco para as persoas, para o noso monte e para un servizo público esencial como é o ferrocarril" afirma Da Silva Méndez.

A senadora do BNG lembra que en agosto do pasado ano outro incendio tivo tamén a súa orixe nas chispas provocadas polo paso dun tren. Un contexto de elevada carga vexetal, temperaturas extremas e seca converte novamente unhas simples faíscas no detonante de varios incendios forestais.

Neste sentido, a organización nacionalista reclama ao executivo estatal informar das actuacións de mantemento e limpeza realizadas nas marxes desta liña ferroviaria tras os incendios do pasado verán, especialmente na provincia de Ourense, así como das medidas de prevención que ADIF implantou desde entón para reducir o risco de novos lumes asociados á circulación ferroviaria.

"O Goberno ten a obriga de explicar que fallou e de garantir que esta situación non se volverá repetir. A prevención non pode ficar nunha declaración de intencións cando está en xogo a seguridade das persoas, a protección do territorio e a continuidade do servizo ferroviario" finda a senadora do BNG.