BNG urxe o Goberno a declarar xa a nulidade da concesión da AP-9
O BNG reclama ao Goberno acatar o ditame da Comisión Europea que declara contraria á normativa de contratos a prórroga da AP-9 e a iniciar de inmediato a súa anulación para liberar a autoestrada de portaxes
Néstor Rego subliña que “declarar a nulidade permitiría un rescate cun custo moito menor e abre a porta a unha AP-9 pública, galega e libre de portaxes”
O Bloque Nacionalista Galego demanda ao Goberno do Estado español que acate sen máis dilación o ditame motivado da Comisión Europea que confirma a ilegalidade da prórroga da concesión da AP-9 outorgada á empresa Audasa no ano 2000 polo entón presidente José María Aznar. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama axilidade para anular a concesión, que se libere a autoestrada das portaxes e se transfira a infraestrutura á Galiza.
A nova resolución da Comisión Europea ratifica que a ampliación da concesión da AP-9 até 2048 foi realizada sen licitación pública, sen transparencia e en vulneración flagrante da normativa comunitaria en materia de contratación pública. Trátase do segundo expediente aberto polo organismo europeo contra o Estado español pola mesma cuestión, logo de que o primeiro fose iniciado no ano 2021.
“O ditame da Comisión vén darlle a razón á sociedade galega e ao BNG, que levamos anos denunciando a ilegalidade desta prórroga e reclamando a súa anulación” afirma o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, quen lembra que o Bloque impulsou e logrou a aprobación, até en dúas ocasións, no Congreso de iniciativas reclamando ao Goberno que declare nula a concesión, asuma a xestión pública directa da AP-9 e a súa posterior transferencia á Galiza.
Porén, a pesar do apoio parlamentario, o Goberno do Estado mantivo até agora a súa defensa da prórroga e mesmo continúa a xustificar a actuación do Executivo do PP do ano 2000. Con todo, a Comisión Europea acaba de desmontar de novo esa posición ao cualificar de ilegal a prórroga e conceder dous meses ao Estado para negociar unha solución que evite a xudicialización do caso ante o Tribunal de Xustiza da UE.
“É o momento de tomar decisións valentes e xustas. O Goberno debe renunciar de inmediato a recorrer o ditame europeo e iniciar sen máis dilación os trámites para declarar a nulidade da concesión. Manter a vía xudicial só serviría para prolongar unha estafa legalizada contra a Galiza” asevera Rego.
O deputado nacionalista tamén subliña que, tal e como se recollía no estudo encargado polo BNG á UDC, a declaración de nulidade da prórroga implicaría “un aforro millonario para as arcas públicas” pois permite o rescate sen ter que facer o pagamento do lucro cesante á concesionaria, unha das principais escusas esgrimidas polo executivo para non rescatar a autoestrada.
“Estamos ante unha oportunidade histórica para pór fin ás portaxes abusivas e avanzar cara a unha AP-9 pública, galega e gratuíta. O Goberno non pode seguir de costas á vontade da cidadanía galega que non entenderá que se opte por seguir protexendo o maior lucro da empresa concesionaria en detrimento do interese público” sentenza o deputado nac