BNG urxe garantir a correcta aplicación do Código de Boas Prácticas Bancarias

Néstor Rego

Rego demanda que se exixa ás entidades financeiras respectar e garantir os dereitos das persoas consumidoras e usuarias da banca establecidos no Código de Boas Prácticas

Alerta das prácticas en fraude de lei realizadas polas entidades financeiras ao transferir débedas en paquete ou lote sen avisar aos debedores para evitar ter que conceder unha reestruturación ou negociación da débeda

Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, vén de rexistrar iniciativas para exixir ao Goberno que adopte as medidas necesarias para garantir a correcta aplicación do Código de Boas Prácticas Bancarias. A formación nacionalista demanda impedir prácticas fraudulentas na transmisión dos créditos hipotecarios por parte das entidades bancarias e garantir a posibilidade de reestruturación ou negociación da débeda ou a dación en pago.

En 2012 coa crise económica e ante a avalancha de desafiuzamentos, o Goberno do Estado a iniciativa do daquela Ministro de Economía, Industria e Competitividade, Luís de Guindos, aprobou un Código de Boas Prácticas, para tentar poñer freo ao problema. Así, as entidades bancarias podían adherirse, voluntariamente, e comprometéndose a ofrecer aos seus debedores inmobiliarios, especialmente ás familias situadas no "limiar de exclusión" a posibilidade de negociar coas entidades financeiras a reestruturación da débeda, o estabelecemento dunha quita ou a dación en pago. Practicamente a totalidade dos bancos adheríronse a este Código.

Mais, con todo, na actualidade moitas destas entidades bancarias ou financeiras adheridas están a utilizar mecanismos fraudulentos para evitar a súa aplicación. Así, acoden a un armazón  societario interposto, a través do cal o banco cede ou transfire o préstamo hipotecario a outra  parte de si mesmo, normalmente, algún fondo de investimento ou outra estrutura semellante pero xuridicamente independente. No momento de executar a hipoteca, explica a organización frentista, a entidade titular do crédito non se atopa obrigada a aplicar o Código por non ser “formalmente” parte asinante.

“Esta práctica elusiva execútase de forma claramente premeditada coa intención de privar aos seus clientes dun dereito recoñecido no Código” denuncia o deputado do BNG. Rego, ademais, explica que esta interposición doutra entidade realízase mesmo “cando o crédito xa foi reclamado xudicialmente”. O banco titular da débeda durante o propio procedemento de execución fai a substitución da parte acredora -para o que, ademais, non se necesita o consentimento do debedor nin debe comunicarllo tan sequera- polo que o acredor hipotecario executante pasa a ser un fondo de investimento, de forma que non se lles pode esixir o cumprimento das medidas contempladas no Código de Boas Prácticas, e o banco non aparece nunca como  incumpridor.

Tal e como viñeron denunciando distintas entidades en defensa do dereito a unha vivenda digna, entre as que se atopa na Galiza o colectivo STOP DESAFIUZAMENTOS, esta práctica realizada durante a fase de execución supón unha dobre fraude, pois cando un préstamo está xudicializado e é transmitido, o debedor hipotecario ten o dereito de coñecer a quen se cedeu e a lei concede nove días para poder recuperalo e igualando o prezo.

“Alén disto, a transmisión non se comunica e o debedor non pode coñecer o prezo, argumentado a entidade bancaria que a venda foi realizada dentro dun paquete ou lote, non de forma individualizada” subliña Rego. Desta forma, prívase do dereito de paralizar a venda do inmóbel que garante o préstamo e en consecuencia a perda da súa vivenda e o seu posterior desafiuzamento. Prodúcese unha total indefensión por parte dos debedores hipotecarios.

Por este motivo a formación nacionalista reclama control para que as entidades bancarias e financeiras cumpran o contido do Código de Boas Prácticas Bancarias e urxe reformas lexislativas que garantan a súa correcta aplicación. “Os debedores teñen que poder realizar a reestruturación ou mesmo a negociación da débeda ou a dación en pago, tal e como é o seu dereito, ademais de garantir que sexan comunicados todas as transmisións de lotes respectando os dereitos dos debedores hipotecarios” conclúe o deputado nacionalista.