BNG urxe a comunicar as cotas do CITES para 2022 ao sector pesqueiro

Néstor Rego

Rego reclama confirmar que existe coordinación entre os ministerios involucrados na xestión das cotas pesqueiras para 2022

A organización nacionalista traslada ao Congreso o acordo unánime que impulsou no Parlamento galego para solucionar a crise do sector pesqueiro galego pola comercialización do marraxo

O Bloque Nacionalista Galego reclama ao Goberno do Estado comunicar de inmediato ao sector pesqueiro afectado as cotas CITES para 2022 e despexar a incerteza actual sobre o marraxo capturado legalmente en 2021 pendente de certificación. Demanda ao executivo que confirme por escrito ao sector que existe coordinación entre o Ministerio de Agricultura, Pesa e Alimentación e o MITECO para a xestión das cotas de 2022.

Após a aprobación por unanimidade no Parlamento de Galiza, a iniciativa da deputada do BNG, Rosana Pérez, dunha Proposición Non de Lei en Comisión, a organización nacionalista rexistra na cámara baixa do Estado iniciativas neste mesmo sentido e insta ao Goberno a facer cumprir o acordo. A prohibición en 2019 da comercialización do marraxo provocou que, na práctica, se puidese capturar a especie mais non comercializala. Esta normativa afectaba e continúa afectando ao Atlántico Norte mais no Pacífico, Índico e no Atlántico Sur non se estabelecen límites.

“A descoordinación e a nula xestión do executivo español continúa mantendo a actividade do sector bloqueada. Estamos a febreiro e continúa sen publicar a cantidade de toneladas- as cotas CITES- que deberían estar publicadas desde o 1 de xaneiro. Tampouco se estabeleceu a operativa administrativa para expedir os certificados, cuxa xestión foi trasladada do Ministerio de Comercio ao Ministerio de Transición Ecolóxica” denuncia o deputado do BNG, Néstor Rego.

A situación- que a formación nacionalista cualifica de “anormal e extremadamente gravosa”- repercute negativamente na frota pesqueira galega. Só nos primeiros quince días de 2022, o sector estimou unhas perdas a redor de 2 millóns de euros. “Débese ao atraso e a falta de solucións inmediatas por parte do Goberno do Estado que están a pór en risco a viabilidade das súas empresas” subliña Rego. O deputado explicou que o cambio de competencias, en mans primeiro do Ministerio de Comercio – que expedía os certificados previa autorización do MITECO, que determinaba a cota autorizada- ao de Transición Ecolóxica.

“Isto veu a agravar aínda máis a situación xa que agora intervén outro organismo máis, o CSIC, que fixa os límites previa expedicións das autorizacións” enfatiza o deputado nacionalista. Para a formación nacionalista non deixa de ser “unha maraña burocrática” en que o Ministerio de Pesca só mantén a súa función de autorizar as capturas seguindo as recomendacións da ORP correspondente.

A pesar da reiteración e a desesperación dun sector que abarca 120 buques e máis de 850 tripulantes, a día de hoxe, a situación aínda non variou e desde o pasado 1 de xaneiro, e os barcos ven  retidas todas as súas capturas de marraxo  até que se lles informe das cotas, porén, nos portos do Estado español, outras frotas comunitarias teñen xa a descarga e comercialización desta mesma especie. “Hai que comunicar de inmediato as cotas CITES para 2022 ao sector pesqueiro afectado e mesmo confirmar por escrito ao sector que existe coordinación entre o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico- que debe ser recoñecida expresamente por ambas as partes- na xestión das cotas e uso dos certificados” afirma Rego.

Con todo, a organización nacionalista  reivindica despexar definitivamente a incerteza actual sobre se as cantidades de marraxo capturado legalmente no ano 2021 en proceso de estar en depósito aduaneiro, así como as que xa o están, e que continúan pendentes de certificación, poderán facelo con cargo ás cotas de 2022.