BNG urxe ao PP na Xunta a actuar diante do “problemón” que supón a falta de depuración de augas residuais en Noia
Considera que Augas debe colaborar co concello, poñéndose á fronte con medidas e máis investimento xa nas contas de 2026: “É un tema de País”
Rosana Pérez alerta que os vertidos afectan “de xeito evidente e grave” á ría, que xa sofre perda de produtividade e da que viven miles de persoas
A portavoz de Pesca do BNG, Rosana Pérez, emprazou o Goberno do PP na Xunta a reaccionar diante do “problemón” que supón para toda a comarca a “total falta” de depuración das augas residuais en Noia, unha grave situación que se arrastra desde hai anos e que, alertou, afecta “de xeito evidente e grave” á ría, a onde van parar boa parte dos vertidos. “É un problema de País”, asegurou.
“É moita hora de que o Goberno galego se implique, que sexa parte principal da solución e que teña en conta os miles de persoas que viven directamente da ría, que xa padece perda de produtividade e outros problemas que limitan o seu potencial”, advertiu a deputada da comarca, que máis unha vez levou esta cuestión a debate no Parlamento cunha pregunta ao director de Augas de Galiza, Roi Fernández.
Rosana Pérez afondou na gravidade dunha situación que xa provocou a apertura dun expediente de infracción por parte da Comisión Europea e que xa está ocasionando multas o Concello. “Aínda que os traballadores e traballadoras do Mar son os principais damnificados, non son os únicos. Toda a cidadanía de Noia e da ría está máis o menos gravemente afectada”, apuntou.
É por iso que a deputada nacionalista reclamou á Xunta que colabore co Concello e que tome medidas, a comezar polos Orzamentos de 2026, establecendo un calendario de actuacións e de investimentos para reverter progresivamente a situación e dar cumprimento ao Plan Director de Saneamento elaborado pola propia Administración galega.
Un plan que data do 2021 e no que, segundo subliñou Rosana Pérez, xa deixaba tres advertencias principais: a primeira, que o 25 % da poboación de Noia (arredor de 4.000 persoas) verte directamente ao medio, en moitos casos aos ríos e á ría; a segunda, que no caso da poboación que si está conectada a rede, o estado das infraestruturas só permiten xestionar o 42 % das augas residuais que chegan ao sistema; e terceiro, que o polígono industrial verte directamente ao medio polo saneamento ineficiente.
A deputada nacionalista denunciou que, malia este diagnóstico, o PP na Xunta non comezou as obras de mellora da Edar ata finais de 2024, unha actuación que o BNG considerou “imprescindible” pero “insuficiente”, polo que é preciso seguir avanzando no desenvolvemento do 2º Plan Director de Saneamento.
Rosana Pérez insistiu en que a Xunta debe actuar con máis dilixencia porque o falta de saneamento de Noia e un “tema de País”, un auténtico “problemón”, dixo tomando prestado o cualificativo que o presidente da Xunta utilizou para referirse ao deterioro da presa de Eiras, que abastece Vigo e 8 municipios da comarca. “Xa están tardando” en actuar, recrimonoulle ao director de Augas, ao que emprazou a demostrar que é a Xunta quen “lidera” e “capitanea” a resolución dos grandes problemas do País.
Ao longo da súa intervención, a deputada da comarca lamentou o non sistemático do PP ás emendas presentadas polo BNG aos orzamentos de 2026, incluídas as presentadas para a comarca de Muros-Noia, que incluían 1,5 millóns de euro para mellora de bombeos e desenvolvemento do Plan Director; un millón máis para o saneamento de Outes; 1,25 para o de Baño-Laxeiras, Muros; e 2,3 para o saneamento integral do Camiño de Santiago, en Mazaricos.