BNG urxe ao Goberno galego a cumprir o acordo parlamentario do ano 2020 para abrir o proceso de negociación das transferencias

Luís Bará
Luís Bará  acusa de “cínico e hipócrita a Feixóo” ao escudarse na falta de competencias ante o baleirado dos encoros

O deputado do BNG, Luís Bará volveu a cominar ao goberno de Feixóo a que reclame as transferencias e deixe de “escudarse” na falta de competencias para xustificar o “desleixo” da Xunta ante o baleirado dos encoros.

Nunha pregunta formulada na comisión de Administración Xeral, sobre as iniciativas do Goberno galego na pasada lexislatura en relación á convocatoria da Comisión Mixta para negociar as transferencias pendentes, cumprindo co acordo parlamentario do 21 de xaneiro do ano 2019, o parlamentario do BNG afirmou que nos últimos tempos asistimos  a “unha sobreactuación” da conselleira de Medio Ambiente para tapar  de “ maneira escandalosa” a “pasividade e consentimento por omisión” da Xunta no baleirados dos encoros por parte de Naturgy e Iberdrola”.

Bará recalcou que a Xunta era coñecedora, dende hai dous meses, das intencións das concesionarias no baleirado dos encoros  e agora “lamentase”. O propio  Feixóo, afirmou o nacionalista, “minte” ao afirmar que descoñecía estas intencións. O proceder da Xunta e de Feixóo fainos  “corresponsables e cómplices” ao igual que a Confederación  Hidrográfica,  na parte que lle corresponde.

Na súa intervención, o deputado lembrou o “abrazo” de Feixóo co presidente de Iberdrola do que dixo “sáelle moi caro a Galiza” porque os abrazos de Feixóo con Iberdrola, coa Abanca, con DomusVi ou PEMEX, explicou, seguen espoliando os nosos recursos e riqueza e no colmo do “cinismo e hipocrisía”, escoitamos a Feixóo e a portavoz do grupo parlamentario do BNG  afirmando que a solución sería a transferencia da competencia sobre as concas hidrográfica. Neste sentido, o nacionalista preguntou que fixo o Goberno galego durante estes doce anos, competencias que dende o ano 2009 ten Andalucía sobre a Conca do Guadalquivir. O deputado asegurou que o PP dedicouse a “poñer paus nas rodas”  e  non reclamar unha soa transferencia ao Estado, “Galiza no furgón de cola”.

 Bará reclamou cumprir o acordo parlamentario para abrir o proceso de negociación das transferencias pero o PP, afirmou, “deixouno en papel mollado”.

O deputado criticou o interese do PP por conseguir a transferencia de Costas, “polos abrazos” con ENCE e agora mostran novamente a súa faciana “máis hipócrita” ante o baleirado dos encoro pedindo a  transferencia das concas hidrográficas despois de 12 anos de “parálise e boicot” permanente. Cada vez que traemos este debate ao Parlamento, ao “PP cáelle a careta” e por iso hoxe volvemos a preguntar si teñen a intención de cumprir o acordo parlamentario, con que axenda e iniciativas levaron a cabo. Bará tamén preguntou que transferencias son prioritarias para o goberno e con que calendario. “Actúen como goberno e non exerzan de oposición”, concluíu.