BNG trasladará ao Goberno do Estado as urxentes actuacións que precisa a N-541 ao seu paso por Cerdedo Cotobade
Néstor Rego e Carme da Silva mantén un encontro con representantes do BNG no concello pontevedrés para coñecer de primeira man os problemas de seguranza viaria
Ernesto Filgueira, voceiro do BNG, da conta das iniciativas a nivel local e pide aos representantes do BNG nas Cortes intervir ante a pasividade do goberno municipal
Os representantes do BNG nas Cortes do Estado, Néstor Rego e Carme da Silva, comprométense a levar os problemas de seguranza viaria na N-541 ao seu paso polo municipio de Cerdedo Cotobade após a reunión mantida con representantes da organización a nivel local. O voceiro municipal do BNG, Ernesto Filgueira, sinala que, frente á pasividade do goberno municipal, a organización nacionalista trasladará a urxencia de que o Ministerio de Transportes atenda as demandas veciñais e leve a cabo actuacións.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a senadora do BNG, Carme da Silva, mantén un encontro con representantes do BNG no Concello de Cerdedo Cotobade encabezados polo voceiro municipal, Ernesto Filgueira, a responsábel comarcal, Ana Peralba.
“O BNG vén realizando un traballo intenso a nivel local para que o goberno municipal, e tamén o Goberno do Estado, atendan as demandas veciñais a respecto da mellora integral da N-541 ao seu paso polo termo municipal de Cerdedo Cotobade” lembra o voceiro municipal, Ernesto Filgueira, recordando as numerosas mocións levadas ao pleno do Concello de Cerdedo Cotobade.
Tamén, engade Filgueira, iniciativas nas Cortes do Estado para coñecer se o Ministerio de Transportes coñecía as necesidades desta estrada que atravesa a localidade e en todos os puntos que precisan de actuacións urxentes: “Calvelo, Tenorio, San Xurxo de Sacos, Santa María de Sacos, no propio Cerdedo” enumera.
“Todo este traballo co obxectivo de que o Goberno do Estado, e no concreto o Ministerio de Transportes, actúe con urxencia para unha reposición integral do asfaltado da N-541 e a mellora da iluminación, entre outras cuestións, para mellorar a seguranza viaria” reclama Ernesto Filgueira.
Ofensiva nas Cortes do Estado por parte do BNG
Tanto o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, como a senadora nacionalista, Carme da Silva, comprométense a rexistrar iniciativas e traballar para que o Ministerio de Transportes atenda as necesarias actuacións que a veciñanza de Cerdedo Cotobade vén reclamando durante os últimos tempos.
Frente á pasividade do goberno municipal, Néstor Rego e Carme da Silva sinalan o Bloque Nacionalista Galego como única formación que defende os intereses da veciñanza de Cerdedo-Cotobade e da Galiza no seu conxunto. “O Goberno debe atender as xustas reclamacións da veciñanza, e debe facelo canto antes” aseveran.